O sector da perruquería e a estética manterá unha reunión de negocios na Praza da Peregrina
Por Redacción
Unha decena de firmas pertencentes ao sector da perruquería e a estética sairán á rúa o vindeiro luns 20 de setembro para amosar os seus traballos, experiencias e tendencias nunha nova edición do programa municipal Rizando o Rizo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Deputación e organizado pola Asociación Provincial de Perruqueiras en colaboración coa empresa Pontevedra Digital e a plataforma #PonteLovers.
O evento desenvolverase, entre as 17:00 e as 20:00 horas, na Praza da Peregrina cunha novidosa reunión de negocios conducida pola actriz e xornalista Fátima Mella na que salóns de expertos protagonizarán unha interesante mostra dos seus servizos, cunha proposta que incluirá desfiles exclusivos, moda, entrevistas e mesmo unha actuación acrobática protagonizada por Rebeca Santos, directora da escola Gotic Circus School de Pontevedra.
As actividades deseñadas para Rizando o Rizo 2021 foron presentadas este venres na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a presidenta da Asociación Provincial de Perruqueiras, Beatriz Pintos.
Os traballos e tendencias de peiteados e maquillaxe que se presentarán virán acompañados de moda do comercio local, aproveitando a ocasión para darlles visibilidades ás tendas de proximidade.
Participarán Betty Peluquerías, falando do seu relevo xeracional; a Academia de Peluquería Rizo Belle, coa presentación de traballos de alumnas da escola; o pontevedrés Óscar Mendoza, CEO e fundador de Hospital Capilar; Mónica Pintos, con Bio Make Up Maker, que explicará en que consisten os seus tratamentos vip de beleza saudable e diversas perruquerías de Pontevedra amosarán recollidos, tendencias, perrucas, entre outras novidades.
También participan: Dona Bela, New Style estilistas, JC Barbershop, Ana Barros e Estilo Aramar. Entre as empresas colaboradoras atópanse Chamonix Moda, Your Way Store, Nalatcha, Almagemela, Senso Emociones y Muebles e Floristería Peregrina.
Beatriz Pintos agradeceu á concelleira socialista o seu apoio na organización deste evento, xa que "a verdade é que o sector o precisa" e ademais supón unha oportunidade de axudar a outros sectores, xa que "a perruquería vive da xente, dos demais servizos e negocios". "Pasámolo moi mal -admitiu a presidenta do colectivo- e estamos comezando a pasalo un pouco mellor. É unha ledicia ver que podemos colaborar entre todos, aunar esforzos e facer cousas xuntos. Chamas a unha tenda de roupa e di que si, chamas a unha de decoración e di que si... Iso axuda moito a celebrar un evento que sempre organizamos con moitas gañas".
Beatriz Pintos indicou que o sector vive un repunte de demanda desde o mes de agosto, motivado polo feito de que "aínda que haxa que estar con mascarilla, entendeuse que os eventos teñen que celebrarse, a hostalería ten menos restricións e soubo adaptarse e hai noivos que tiveron que atrasar as datas da voda tres ou catro veces e chega un momento no que ten que facerse” ". Ao seu xeito de entender, "o único problema nestes intres é que tódalas vodas e eventos se organizan de mañá e vémonos un pelín agobiadillas, especialmente en certos días, xa que non podemos repartir á clientela entre mañá e tarde".