Traballos, experiencias e tendencias de perruquería e estética, danse cita na Praza da Peregrina
Por Redacción
As rúas da Boa Vila seguen cheas de actividades. Este luns foi a mostra "Rizando o Rizo Business Meeting", organizado pola Asociación Provincial de Perruqueiras en colaboración coa empresa Pontevedra Digital e a plataforma #PonteLovers e impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Deputación.
"Rizando o rizo" é unha mostra de traballos, experiencias e tendencias de perruquería e estética, realizada en colaboración cunha decena de firmas do sector e outras sete tendas de moda e floristerías.
O evento celébrase na Praza da Peregrina cunha espectacular exhibición de tres horas, entre as 17:00 e as 20:00 horas, conducido pola actriz e xornalista da TVG Fátima Mella co apoio da presidenta do colectivo, Beatriz Pintos, e no que tamén participa a propia edil de Promoción Económica, Yoya Blanco.
O evento desenvólvese cunha novidosa fórmula baseada no formato "business meeting", un encontro de negocios, no que salóns de peiteado e estética protagonizan unha mostra dos seus servizos nun programa que inclúe desfiles exclusivos, moda, entrevistas e unha actuación acrobática.
O escenario ten decoración e mobiliario de empresas locais (Senso Emociones y Muebles e Floristería Peregrina son as encargadas do atrezzo), e están programada unha mostra dos traballos de New Style Estilistas; unha charla con Betty Peluquerías sobre o traballo en familia e o relevo xeracional.
Tamén haberá exhibicións dos traballos do alumnado da Academia Rizo Belle, e de Aramar Tocados de JCBarbershop (con roupa de Your Way Store), de Ana Barros (con roupa de Almagemela) e de Donna Bela (con roupa de Nalatcha).
Nunha charla con Mónica Pintos sobre Bio Make Up Maker explicará en que consisten os seus tratamentos de beleza saudable, con produtos da nosa terra. E tamén falará Óscar Mendoza, CEO e fundador de Hospital Capilar, que logrou que España sexa recoñecida como referente en enxertos capilares.
E mesmo haberá unha actuación acrobática de Rebeca Santos, directora da escola Gotic Circus School de Pontevedra.