Rizando o Rizo volverá á praza da Peregrina para amosar "tutoriais en directo"
Por María José Pita
A céntrica praza da Peregrina foi escenario da presentación da sexta edición de Rizando o Rizo, o evento que reunirá a profesionais do sector da perruquería e beleza de Pontevedra para ofrecer as últimas tendencias no coidado do cabelo e no peiteado.
Na tarde do próximo martes 10 de maio, entre as 17:30 e as 20:30 horas, haberá desfiles de perruquería e beleza, exhibicións e entrevistas en directo cos profesionais do sector, en sesións moi dinámicas e entretidas á vez que divulgativas.
"Este evento é necesario para visibilizar a este sector que tamén foi tremendamente castigado pola pandemia e que este ano parece que vai rexurdindo coas vodas e eventos que tiveron que aprazarse", manifestaba a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, cuxo departamento apoia un ano máis este encontro de profesionais da perruquería.
A presidenta da Asociación Provincial de Perruquería e Beleza de Pontevedra, Beatriz Pintos, reiteraba o agradecemento ao Concello de Pontevedra por esta oportunidade de "visibilizarnos, de dicir á xente que estamos aí e que somos moi importantes nesta sociedade".
Beatriz Pintos tamén ofreceu un diagnóstico do sector que, só na cidade de Pontevedra conta con ao redor de 200 negocios e, en toda a provincia, chegan a preto de mil. Se ben afirmaba que este ano se nota unha melloría, "hai un boom de vodas pero tamén porque levamos un retraso de dous anos", aínda é imposible recuperar ao persoal que tivo que ser despedido pola pandemia.
Por isto, reitera as demandas do sector, como é a redución do IVE do 21% ao 10% nos servizos de perruquería, barbería, esteticistas e vencellados á imaxe persoal. Ademais deste imposto, aféctalles directamente a notable suba do prezo dos subministros e da electricidade, entre outros.
Con respecto a Rizando o Rizo, un aspecto que avanzaba a presidenta da perruquería de Pontevedra é a oportunidade de desfrutar de "tutoriais en directo" onde se vai amosar como personalizar os peiteados para realzar as características físicas da persoa, tanto no relativo ao cabelo como á forma da faciana. "Que a xente se olvide de tutoriais que ven en internet e conte coas nosas mans expertas, que poderemos dicirlles o que lle vai mellor e ofrecerlle un traballo profesional no que prima a personalización", argumentaba.
O evento contará coa presenza de Fátima Mella, presentadora e actriz da Televisión de Galicia que se encargará de realizar as diferentes entrevistas e dinamizar Rizando o Rizo 2022. Estas conversas servirán para que o público que se achegue ata a praza da Peregrina poida apuntar trucos, tendencias e consellos para o coidado, preparación ou arranxo do cabelo e tamén coñecer as últimas tendencias en peiteado.
Como avance, Beatriz Pintos comentaba que "todo o coidado do cabelo e a pel é unha tendencia, aínda que entre os estilos desta temporada destaca o corte bob, que nós personalizamos vendo o óvalo facial da persoa" e que terá presenza neste evento.
DEZ PROFESIONAIS PARTICIPANTES
As firmas que participarán no formato desfile son Begoña Acuña Maquillaxe Profesional, Centro de Extensións Jossy, Perruquería Dona Bela, Perruquería Crazy Studio e Academia de Perruquería Rizo Belle.
No set de entrevistas intervirán Lara Sade Imaxe Persoal, especializada en perrucas; Beatriz España, coach de beleza de ILOVEME; Noelia Fontán, artista Phibrows-Microblanding de cellas; Josefina Naveiras de Clínica Médico Estética Estersa; e Antonio Meirás de Supermenta CBD, que mostrará os produtos para o pelo e a pel.
Relacionadas:
-
Salóns de peiteado e estética locais exhibiron os seus traballos e conversaron sobre as novidades do sector
Por Redacción |
-
Traballos, experiencias e tendencias de perruquería e estética, danse cita na Praza da Peregrina
Por Redacción |
-
O sector da perruquería e a estética manterá unha reunión de negocios na Praza da Peregrina
Por Redacción |
-
#PonteLovers riza o rizo para facer realidade, en formato streaming, unha nova edición do Salón de Barbería e Estética
Por Redacción |