A xuízo un caso de abuso sexual nun pub de Pontevedra
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra xulgará o vindeiro mércores 8 de setembro a dous homes acusados dun delito de abuso sexual por supostamente someter a unha serie de tocamentos a unha muller nun local de lecer da cidade.
Os feitos que se van a xulgar ocorreron o 24 de febreiro de 2019 sobre as 4.30 horas da madrugada e, segundo o relato da vítima, "diversos individuos abusaron, coaccionaron e ameazaron" a esta moza "ante a mirada e as risas doutros individuos, amigos dos anteriores".
A vítima que denunciou os feitos é axente da Garda Civil e entre os amigos que miraron e riron mentres a estaban tocando había outro profesional do Corpo. A este home repróchalle que "consentiu, sen intervir de ningún xeito (cal é a súa obrigación legal) nin para previr, nin para deter ou filiar aos delincuentes".
A moza decidiu falar por primeira vez deste caso a través da súa avogada e, por medio dun comunicado, reprocha que a ese outro compañeiro que "abandona á vítima, que se atopaba nun estado nervioso e alterado, propio da situación" e que a súa actuación puidese ser constitutiva de delito. A pesar de que durante a fase de instrución deste caso a vítima pediu que este axente tamén fose xulgado, o xulgado de instrución e a Audiencia Provincial rexeitaron facelo.
Segundo relata a moza, o abuso e as coaccións posteriores están gravados "con absoluta nitidez" polas cámaras do local e esa gravación será unha das probas que se mostrará durante o xuízo previsto para a próxima semana.
A acusación particular que exerce a vítima formula acusación contra dous homes, aínda que a Fiscalía pide o sobresemento da causa e a defensa dos acusados, segundo relata a avogada desta muller, "culpabiliza á vítima do delito, por ser muller, polo lugar e as horas, así como pola súa condición de garda civil e licenciada en Dereito".
En relación coa postura da Fiscalía, a avogada da moza critica a "revictimización" que supón "o desamparo da Institución encargada de protexer ás vítimas". Na súa opinión, é "absolutamente sorprendente" e "desafortunada" a posición do ministerio público.
Ademais, a través dun comunicado, a representación da vítima insiste en que actos como os denunciados neste caso "son o groso dos actos machistas que cousifican ás mulleres, considerando que son obxectos que poden tocar e facer ao antollo do home".
"Restan liberdade á muller, coacciona o seu dereito para acudir onde queira e como queira sen ser atacada por ninguén, nin física nin psicoloxicamente", critican, e engaden que o feito de que a Fiscalía non acuse "supón transmitir á sociedade unha perpetuación dun sistema machista e patriarcal, que conforma o caldo de cultivo propio para a comisión doutros delitos máis graves contra a muller, polo feito de selo, que culmina cos asasinatos que cada semana adoitamos ver xa como noticia".