"Unha palmada no cu" sen consentimento: abuso para a vítima, un "toque fugaz" para a fiscal
Por Manu Otero
O Xulgado do Penal Número 3 de Pontevedra acolleu este mércores o xuízo contra dous homes acusados, un, de abuso sexual contra unha muller por darlle "unha palmada no cu" sen o seu consentimento e, outro, por ameazas e coaccións que tiveron lugar despois do primeiro feito.
Os feitos tiveron lugar na madrugada do 24 de febreiro do 2019 nun coñecido pub da Praza do Teucro, en Pontevedra. Ao redor das 4.30 horas da madrugada, a denunciante achegouse a un grupo de homes que se atopaba nun reservado do local para charlar cunhas amigas que se atopaban naquel momento dentro do reservado. Ao acceder ao recinto, procederon a facerse unha foto de grupo e foi nese momento cando un dos homes, aos que a vítima non coñecía, deulle "unha palmada no cu", como a propia denunciante describiu no xuízo a preguntas da fiscal.
Nese momento, a muller virouse e esixiu saber quen fora. Ninguén admitiu o ocorrido e foi nese momento cando se orixinou un tumulto no que, segundo a acusación, producíronse ameazas e coaccións contra a vítima por parte de varios membros do grupo, aínda que só un foi citado como acusado.
Os acusados son B. J. G. ao que se lle imputa un presunto delito de abuso sexual e D. G. R, investigado por ameazas e coaccións á denunciante. Durante o xuízo, os acusados soamente responderon a preguntas do seu avogado. O primeiro explicou que a denunciante, á hora de facerse a foto, pisouno e el reaccionou empuxándoa. Mentres que o segundo nega ameazala e que se coou no reservado sen ser convidada. Ningún dos dous admiten terlle tocado o cu.
Logo chegou a quenda da declaración da denunciante A. B. R, quen despois de relatar a situación na que se produciu o abuso denuncia que se orixinou un "ambiente de burla cara á súa persoa" e que sentiu "humillada e vexada" porque "o meu cu o tóca quen eu decido", respondeu a preguntas da fiscal. A preguntas da defensa sobre o carácter sexual do tocamento, a vítima afirmouno con rotundidade. Algo no que fixo fincapé a súa avogada despois do visionado das cámaras de seguridade: "mirábana como un obxecto de desexo e animábanse entre eles a tocarlle o cu", denunciou.
Unha circunstancia que agravou aínda máis a discusión é que a denunciante é Garda Civil e naquela época estaba en prácticas. Nun momento da discusión alguén lle dixo que no grupo alguén a avisou que se atopaba un tenente coronel no grupo e convidárona a irse e que deixara o seu empeño de identificar ao que lle tocou o cu porque pola contra "ía ter problemas".
Foi entón cando a denunciante abandonou o lugar e chamou a un amigo seu tamén Garda Civil que se atopaba no pub para que mediase no conflito sen éxito. No grupo dos denunciados atopábase tamén outro axente do instituto armado (A. B.) ao que a acusación tratou de imputar no proceso xudicial por presenciar o delito e non intervir. Con todo, tanto a xuíza como a fiscal insistiron en que estaban a ser xulgados como particulares sen importar a súa profesión.
Despois de case tres horas de xuízo chegou a quenda das alegacións finais de cada unha das partes. A acusación centrou o seu discurso en pedir a imputación de A. B. por mentir no súa testemuña, aseverou que existen probas irrefutables da comisión de ambos os delitos e criticou a actitude da fiscal que, en lugar de preguntar por que lle tocaron o cu, centrou as súas preguntas nas razóns que levaron á vítima para acceder ao reservado.
A fiscal pola súa banda, saíu ao paso da crítica da avogada, para recoñecer que existe un atentado contra a dignidade da vítima, pero que ese delito non está tipificado no código penal. Así mesmo, reprocha a actitude do acusado de abuso sexual, pero matiza que se tratou de "un toque fugaz" que non alcanza a relevancia para ser xulgado como abuso sexual. Ademais, despois de visionar a cinta e escoitar ás testemuñas nega que se produciron ameazas ou coaccións, polo que pide a absolución de ambos os acusados e o sobresemento do caso.
A defensa, en cambio, asumiu unha actitude máis belixerante e con ánimo de reverter a situación chegou a acusar de "abuso" á denunciante por tratar de facer valer a súa condición de Garda Civil e levar a un compañeiro seu ao lugar dos feitos para presionar e identificar aos presuntos agresores.
Agora será a xuíza a encargada de valorar as testemuñas e as probas achegadas por ambas as partes para decidir, no prazo dunhas semanas, se o ocorrido é constitutivo dun delito de abuso sexual, nun caso; e de ameazas e coaccións, no outro.