O PP pon como exemplo Loureiro Crespo para insistir na eliminación de contedores e a recollida porta a porta
Por Redacción
A colocación de contedores de recollida de lixo diante de locais comerciais da rúa Loureiro Crespo a raíz das obras de reforma da vía derivou en queixas de veciños e comerciantes. Este martes, faise eco delas o Partido Popular, que visitou a zona e sinalou que desde este barrio xa se presentaron por rexistro demandas para a recolocación.
O presidente do PP local, Rafa Domínguez, visitou o barrio acompañado pola concelleira Silvia Junco e, tras entrevistarse con veciños e comerciantes, púxoos como exemplo da "necesidade imperiosa" de que o Concello de Pontevedra implemente o sistema de lixo porta a porta en Pontevedra.
Domínguez asegura a través dun comunicado que veciños e comerciantes desta rúa "veñen denunciando a insalubridade xerada" pola colocación de numerosos contedores diante dos seus domicilios e locais comerciais e lembra que esta é unha petición que xa recollía o seu partido no seu programa electoral e que mesmo o levou, xunto con Silvia Junco, a visitar Oviedo, cidade pioneira na eliminación dos contedores nas rúas.
Desde o PP indican que na reforma de Loureiro Crespo non figuraba a colocación destes contedores, e menos cando a 20 metros, en cálea Antón Fraguas, xa hai outra fila.
Tras coñecer as queixas veciñais, insisten en que a imaxe do centro de Pontevedra cambiaría completamente se se implantase ese sistema de recollida de lixos porta a porta e se eliminasen os contedores do centro urbano. "Imaxinen o centro da cidade sen ningún contedor visible a plena luz do día", piden, e engaden que nunha rúa na que se está levando a cabo unha reforma integral, "non é de recibo que se coloque diante de diferentes locais unha fila de sete contedores".
Ademais, fanse eco de queixas veciñais e aseguran que o sistema de recollida de lixos de Pontevedra "está a supoñer un problema durante as 24 horas ao día" e os veciños denuncian "malos cheiros, líquidos, roedores".
Silvia Junco acaba de presentar por rexistro un escrito no que solicita que de maneira inmediata se reorganicen os contedores nesta zona e que se atendan as peticións dos veciños e comerciantes afectados, que aseguran que xa rexistraron senllas demandas para que os contedores cambien de localización.