Abre a inscrición para os roteiros dos Bosques Terapéuticos e a Depoandaina
Por Redacción
Durante o mes de setembro a Deputación de Pontevedra seguirá fomentando hábitos saudables entre a cidadanía co seu programa de actividades ao aire libre mentres ao mesmo tempo promoven os espazos naturais da contorna da provincia.
Este luns abrirá o prazo de inscrición para as sete rutas previstas nos Bosques Terapéuticos e para participar na cuarta DepoAndaina, que será o 12 de setembro polo sendeiro azul do río Verdugo, no Concello de Ponte Caldelas.
As persoas interesadas en participar deberán cubrir, a partir do luns, os formularios que estarán na páxina web da Deputación. No caso dos Bosques Terapéuticos, hai 105 prazas dispoñibles (15 por cada ruta), e para a DepoAndaina ofrecerán 200.
Os 'baños de bosque' desenvolveranse neste mes de setembro no Parque Natural Monte Aloia de Tui (día 4), na Ruta da Pedra e da Auga de Meis (día 12); no sendeiro azul do río Verdugo en Ponte Caldelas (5 e 19); na Senda do Almofrei de Cerdedo-Cotobade (18) e na Fraga de Catasós (11 e 25 de setembro).
Finalmente, o sendeiro azul caldelán será o 12 de setembro o escenario da cuarta e última DepoAndaina deste verán programada pola Deputación. Terá aproximadamente 8,5 quilómetros de itinerario circular e de dificultade media, A saída será ás 10 horas desde a Rúa da Ponte de Ponte Caldelas.