Os bosques terapéuticos regresan en xuño con 38 roteiros
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo volven os Bosques Terapéuticos cunha serie de rutas por paraxes singulares da provincia de Pontevedra.
Desde o 4 de xuño ata o 25 de setembro, a Deputación ten preparadas 38 rutas por sete paraxes entre os que figuran as illas de Tambo e Arousa, a contorna da ponte colgante do Lérez, os salóns do Lérez, o espazo natural de Bembrive, a senda do Almofrei e a Ruta da Pedra e da Auga.
As inscricións están abertas a partir deste luns para as primeiras rutas do mes de xuño, que contarán cun total de 570 prazas. O formulario pode encontrarse na web provincial.
Os Bosques Terapéuticos son unha aposta da Deputación de Pontevedra onde prima a experiencia das persoas co medio natural da contorna conxugada coa interpretación do patrimonio. Os participantes poderán conectar coa natureza empregando todos os sentidos.
As rutas terán 15 prazas cada unha, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza para o desenvolvemento desta actividade. Das 38 rutas previstas, 8 celebraranse en xuño os sábados e domingos, outras 10 en xullo, tamén o fin de semana, mentres que en agosto haberá un total de 12 os venres, sábados e domingos. Doutra banda, no mes de setembro haberá 8 itinerarios.
As inscricións para as rutas abriranse de mes en mes. Para os baños de bosque de xuño as inscricións comezarán xa este luns, 23 de maio. O prazo estará aberto ata dous días antes da celebración do evento.
No caso das de xullo, o prazo comezará o 20 de xuño, para as de agosto arrancará o 26 de xullo e para as de setembro, o 22 de agosto. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta.
CALENDARIO
Os Bosques Terapéuticos arrancarán o 4 de xuño coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán ao día seguinte polos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase a ruta polo espazo natural de Bembrive (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). A primeira ruta pola Illa de Tambo (Poio) terá lugar o día 18, mentres que na Illa de Arousa celebraranse dous itinerarios, os días 19 e 25. Por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.
A ruta polos Salóns do Lérez terá lugar o 3 de xullo; o 6 e 26 de agosto e o 3 de setembro, mentres que a da Illa de Tambo repetirase os días 10 e 14 de xullo, 14 e 27 de agosto e 17 de setembro. O espazo natural de Bembrive será visitado o 9 de xullo, os días 12 e 21 de agosto e 11 e 25 de setembro, e a Illa de Arousa, o 23 de xullo, o 13 de agosto e o 18 de setembro.
Por outra banda, para a Ruta da Pedra e da Auga poderá elixirse entre o 2 de xullo, o 5 e o 28 de agosto e o 4 de setembro, mentres que a da Ponte Colgante do Lérez celebrarase os días 17 e 30 de xullo, 19 de agosto e 24 de setembro. Por último, a da Senda do Almofrei terá lugar os días 16 e 31 de xullo, 7 e 20 de agosto e 10 de setembro.
En cada unha das rutas haberá unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos 'Bosques Terapéuticos', adaptada aos contidos desenvolvidos na ruta e ao espazo no que se desenvolve. Fomentarase o uso dos sentidos favorecendo a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación.
As visitas están destinadas a público xeral (os menores deberán ir acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e 2 horas.
Comezarán ás 10:00 horas polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.
Relacionadas:
-
Volve 'En Ruta coa Depo' con 32 percorridos por toda a provincia
Por Redacción |
-
A que se debe a falta de interese da cidadanía polos bosques?
Por Redacción |
-
Esgotadas en media hora as prazas para visitar a illa de Tambo
Por Redacción |
-
Abre a inscrición para os roteiros dos Bosques Terapéuticos e a Depoandaina
Por Redacción |
-
Os "bosques terapéuticos", nova aposta de lecer da Deputación polo medio natural
Por Oskar Viéitez |