Empeza a funcionar o programa galego de prevención de desafiuzamentos por execución hipotecaria
Por Redacción
Este martes entra en vigor o programa 'Reconduce', de prevención de desafiuzamentos por execución hipotecaria, que se canaliza a través dunha oficina de asesoramento central, ubicada en Santiago de Compostela, integrada por dous técnicos especializados en dereito e economía-financeira, un traballador social e un psicólogo, os cales asesoran ás persoas usuarias e realizarán, de ser necesario, as funcións de interlocución coas entidades financeiras.
Os usuarios accederán ao programa desde esta oficina ou ben desde as de os servizos sociais dos concellos, de aí que este luns se celebrase unha reunión cos traballadores sociais dos distintos municipios para comentar polo miúdo este servizo.
O Reconduce ten carácter transversal e implica a cinco consellerías da Xunta de Galicia (Vicepresidencia e as consellerías de Traballo e Benestar, de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de Economía e Industria e de Facenda), ademais da FEGAMP, do propio Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e entidades financeiras.
O seu obxectivo é previr os desafiuzamentos por execución hipotecaria da vivenda en propiedade ou ben paliar os efectos do mesmo, cando inevitablemente se acabe producindo.
Polo tanto, o programa diríxese a dous grupos de intervención: un grupo formado por persoas e familias sen proceso xudicial aberto; e o segundo, outro cuxo proceso xudicial está xa en curso e que sexan derivados a través do convenio asinado entre o CXPX, a Xunta e a Fegamp.
O primeiro grupo, polo tanto, será o beneficiario das intervencións de carácter preventivo para evitar o desafiuzamento, entre as que se inclúe a interlocución con entidades financeiras para reestruturar a débeda. No segundo caso, cando xa non hai posibilidade de acordo e mediación, as actuacións terán un carácter máis paliativo (atención psico-social, orientación laboral e busca de vivenda alternativa).
En definitiva, a iniciativa coordinará distintos servizos xa existentes como a orientación laboral, a atención social e o apoio psicolóxico, así como o Programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias (IGVS), ao que se derivará aos afectados no caso de que cumpran os requisitos establecidos nel.
Este programa complementa o convenio asinado de maneira pioneira entre Administración autonómica, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a FEGAMP para apoiar a aquelas persoas que máis o precisan no caso dos desafiuzamentos, demostrando o compromiso do Goberno autonómico coa asistencia social e, concretamente, con este problema que está a afectar a moitos cidadáns galegos.
Grazas a este convenio, en Galicia poderase traballar con antelación e actuar con eficacia cando se produza unha situación de especial vulnerabilidade, xa que os xuíces comunicarán ao Executivo galego cando se produza unha situación de estas características, que automaticamente se porá en contacto cos servizos sociais dos concellos.
Relacionadas:
-
A delegación da Xunta en Campolongo conta cun novo servizo de apoio ás familias en risco de desafiuzamento
Por Redacción |
-
Bankia é a entidade que menos colabora coa oficina de desafiuzamentos
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza a funcionar a oficina contra desafiuzamentos
Por Oskar Viéitez |
-
Trinta avogados da cidade axudarán de balde a evitar máis desafiuzamentos
Por Natalia Puga |