Anova leva o Defensor del Pueblo "sospeitosas actuacións" na tramitación do aeródromo de Godos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Anova Umia denuncia un "conglomerado de sospeitosas actuacións" na tramitación do aeródromo de Godos, no Concello de Caldas e decidiu trasladalas a organismos como a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), Renfe, o Ministerio de Fomento, o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e o Defensor del Pueblo.
Esta reacción de Anova producese despois de que nos últimos días tiveran coñecemento de que a Deputación de Pontevedra estaba a investir fondos públicos e actuando na instalación privada do aeródromo de Godos. "Este feito non pode cualificarse doutro xeito máis ca de impresentable e intolerable", sinalan.
Anova considera "perfectamente lexítima" a promoción dun aeródromo, pero non que tanto a Deputación como o Concello de Caldas "malgasten cartos públicos tratando de acondicionar e/ou autorizar unha instalación que, de momento, non conta coa autorización da Axencia de Seguridade Aérea".
Ao respecto, indican que a seguridade ten que ser "unha condición indispensable" e o espazo no que está emprazado o aeródromo non trasmite tranquilidade, pois "estamos a falar duns terreos inundables que periodicamente padecen estas consecuencias, quedando nestes casos totalmente inutilizados para operativos de emerxencia".
Ademais, a pista de voo que está a ser construída "inclúe dentro dos seus 500 metros de afección vivendas, instalacións, explotacións agrícolas" e para Anova "merece especial atención, pola súa gravidade, a proximidade dun viaduto do AVE".
"Ignorar feitos tan terriblemente sensibles coma este semella unha irresponsabilidade de descomunais proporcións", indican desde Anova e aseguran que "esgotaremos todas as posibilidades administrativas para contrarrestar tanta ineptitude institucional".