Invisten case 50.000 euros para integrar na contorna as pistas deportivas de Santa Lucía en Moraña
Por Redacción
A ligazón do espazo deportivo e de lecer de Santa Lucía coa rúa número 7 foi obxecto dunhas obras de urbanización financiadas pola Deputación, cun orzamento total de 48.333 euros, no marco do Plan Concellos.
A actuación centrouse no acceso ás pistas polideportivas e ao circuíto de 'pum truck' situado ao fondo da rúa, nas inmediacións do campo de fútbol do Buelo.
En concreto os traballos consistiron na pavimentación da contorna das pistas deportivas, incluída a zona máis alta de transición entre esa espazo e a zona verde. Ademais aproveitando o desnivel do terreo habilitouse unha bancada con muros de formigón.
Por último mellorouse a accesibilidade da zona e incluíronse instalacións de saneamento e recollida de pluviais.
Terminadas as obras este xoves visitou a zona o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, xunto ao alcalde de Moraña, José Cela.