Zafarrancho de roza e limpeza de camiños interiores de Rebordelo, Quireza e Tomonde
Por Redacción
O plan operativo de conservación de espazo públicos e de lecer do Concello de Cerdedo-Cotobade chega estes días ás parroquias de Rebordelo, Quireza e Tomonde, onde operarios municipais levan a cabo labores de roza e limpeza de camiños interiores.
O Concello realiza este tipo de actuacións cada ano por esta época coincidindo co reforzo do persoal municipal con 26 novos traballadores que desempeñarán as súas funcións a través do plan de emprego municipal.
Este plan conta coa colaboración económica do Plan Concellos da Deputación e pretende estenderse por toda a xeografía do municipio co fin de ter en perfectas condicións os espazos públicos e de lecer para goce da veciñanza e das persoas que nestas épocas estivais visitan o concello.
Unha vez que os operarios realizan o seu traballo, os espazos públicos volven recuperar o seu esplendor, como no caso da parroquia de Quireza. Alí utilizouse a máquina a presión para a limpeza e desinfección da praza de Cuíña, mesas e barbacoa, actuouse na área recreativa e parque de Vilarchán e tamén se rozaron os camiños de Fondós e Mamoalba, Laxoso, Piñeiro, Tres Aldeas e Vilarchán.
Na parroquia de Rebordelo interveuse en todos os lugares procedendo a realizar unha roza integral dos seus camiños e espazos públicos municipais para mellorar o seu aspecto e retirar a maleza que medra sen control á beira dos camiños.
Na parroquia de Tomonde, actúan de maneira especial nos lugares de Barbeira e A Devesa empregándose en profundidade para manter a raia a importante maleza que coa climatoloxía reinante tivera un desenvolvemento importante.
O alcalde, Jorge Cubela, destacou que procuran ir á máxima velocidade para atender canto antes as demandas de roza en todos e cada un dos lugares do municipio para deixar en perfectas condicións todos os lugares de convivencia veciñal.