Activan rutas diúrnas e nocturnas de paddle surf polo Lérez ata o 29 de agosto
Por Redacción
Tras o éxito acadado o verán pasado, Turismo de Pontevedra optou por ampliar as rutas de paddle surf polo río Lérez. Así, pasarán a organizarse todos os sábados e domingos, desde este sábado 17 de xullo e ata o domingo 29 de agosto.
Para participar nestas rutas, que serán tanto diúrnas como nocturnas, haberá que inscribirse a través da páxina web de Visit Pontevedra. O prazo xa está aberto desde este mércores.
É unha actividade para todas as idades, coordinada pola empresa especializada Urban Culture Factory, que se desenvolverá en grupos de oito persoas. Non ten custo para os participantes, que recibirán todo o material preciso, incluídos os chalecos e os neoprenos.
No que se refire aos horarios, están previstas dúas saídas para os sábados, unha de tarde entre as 17:30 e as 19:30 horas e outra nocturna de 21:30 a 00:00 horas, e outras dúas para os domingos, unha de mañá de 11:30 a 13:30 horas e outra de tarde de 17:30 a 19:30 horas.
Ademais de incrementar a oferta, á hora das inscricións terán prioridade aquelas persoas que non participaran nas rutas organizadas o ano pasado.
A edil de Turismo, Yoya Blanco, explica que estas rutas permiten descubrir o río a través dunha actividade saudable, fomentar o intercambio cultural e difundir dun xeito didáctico a historia do río e da cidade e, ao mesmo tempo, o respecto polo medio ambiente.
"O Lérez é un lugar perfecto para practicar paddle surf e o treito que pasa pola cidade é totalmente plano", sinala a concelleira socialista, que destaca que agarda que esta actividade xere "o mesmo furor" que na súa edición anterior.