As letras de 'Boa Vila' dificultan unha actuación dos Bombeiros en Curros Enríquez
Por Redacción & Cristina Saiz
Os Bombeiros de Pontevedra atopáronse esta mañá cunha dificultade engadida para poder facer o seu traballo. Os bolardos coas letras "VILA" que impiden o paso de vehículos cara Curros Enríquez atrasaron unha intervención que, por fortuna, non foi grave.
O suceso produciuse sobre as once da mañá, despois dun aviso por un incendio no falso teito da farmacia situada nesta praza do centro histórico.
Os bolardos, que están ancorados ao chan, poden ser retirados de maneira manual, pero aínda así o camión non puido pasar por encima.
Os bombeiros acudiron a pé ata o establecemento cun extintor e unha escaleira manual e puideron sufocar o lume sen maiores consecuencias.
Este 'atasco' causou un gran balbordo na zona e foron moitos os cidadáns os que advertiron do problema que podería causar esta situación se o incendio fora máis importante.