Caldas de Reis leva a Pleno a aprobación do orzamento de 2021

Por Oskar Viéitez
O Goberno municipal de Caldas de Reis levará á sesión plenaria deste xoves o Orzamento Xeral Municipal de 2021 xunto coas súas bases de execución, así como os remanentes de 2020 que no seu conxunto ascenden a 7,9 millóns de euros.
As contas teñen o informe favorable de intervención e, como explicou o concelleiro de Facenda, Jacobo Pérez, foron presentadas aos grupos da oposición a quen se lles ofreceu a súa participación. Ademais, o documento contempla demandas tanto do Partido Popular como do BNG.
O alcalde, Juan Manuel Rey, explicou que "o reforzo da atención social e as políticas de recuperación económica tras a pandemia son os dous eixos principais sobre os que xiran os orzamentos". As contas contemplan partidas destinadas a axudas directas á hostalaría e ao reforzo da atención social tras a pandemia.
No capítulo de investimentos prevense 2,3 millóns de euros dos que dos que máis de 800.000 irán destinados a obras de saneamento.
O orzamento establece partidas "imprescindibles" para cofinanciar diversas subvencións do Estado, da Xunta e da Deputación de Pontevedra.
Inclúense os importes necesarios para dispoñer dos terreos para a ampliación do IES Aquis Celenis e os do cuartel da Garda Civil que permitirán urbanizar correctamente a Travesía Dona Urraca.
"Pensamos que é un orzamento que merece ser aprobado coa finalidade de dar resposta a múltiples necesidades veciñais e poder avanzar na modernización de infraestruturas e no desenvolvemento de servizos moi importantes para os caldenses", sinalou o alcalde.