A Praza do Mar prepárase para os concertos de Sebastián Yatra, Ana Mena e Omar Montes
Por Redacción
A Praza do Mar converterase no escenario da estrea do ciclo de concertos "Os Sons do Mar" con artistas como Sebastián Yatra, que actuará o sábado con todas as entradas vendidas, e Ana Mena e Omar Montes, que o farán o domingo, con entradas aínda dispoñibles.
A cantante Vanesa Martín encargarase de poñer o broche de ouro ao ciclo de concertos o próximo 16 de xullo.
O Concello de Sanxenxo destaca que estes tres eventos que se desenvolverán baixo un estrito protocolo que garanta o cumprimento das medidas sanitarias actualmente en vigor, tal e como aparece reflectido no convenio asinado entre a organización das citas musicais e a administración local para a cesión do espazo.
As portas abriranse as tres xornadas ás 20 horas para facilitar o acceso ordenado ao recinto que estará dividido en catro zonas, cada unha delas contará con acomodadores que se encargarán de acompañar aos asistentes ás cadeiras.
O público deberá permanecer sentado, mantendo a distancia interpersoal, en caso de non ser conviventes, e con máscara. Na entrada ao recinto haberá un punto de control para o rexistro de datos e localización de todas as persoas asistentes. Tanto nos accesos como nos distintos puntos do espazo haberá xel hidroalcohólico para a desinfección de mans.
As entradas e saídas estarán debidamente sinalizadas cun mapa para evitar aglomeracións. En todo o recinto estará prohibido fumar.
A organizadora do ciclo "Os Sons do Mar" destinará á Fundación Ecomar, presidida pola medallista de vela olímpica Teresa Zabel, unha parte da recadación neta dos concertos co obxectivo de apoiar o traballo e as accións da fundación ao longo do ano na costa galega para a limpeza de mares, costas e océanos.