Avanza a remodelación do Paseo Alcalde Blanco
Por Redacción
A remodelación do Paseo Alcalde Blanco atópase en execución a bo ritmo, segundo indica a alcaldesa María Ramallo, que este venres se achegaba pola zona que se inclúe no proxecto Marín Dusi, con financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Feder.
A intención é gañar espazo para peóns e para as bicicletas cunha mobilidade máis sostible e recuperando a unión co mar da vila. Segundo a alcaldesa, agora este Paseo contará cun miradoiro aproveitando a cuberta practicable do establecemento de hostalería, que se atopa en construción, e aproveitarase mellor todo este espazo.
Nesta zona aumentarán os espazos verdes e haberá unha mellora na iluminación e na pavimentación. Instalaranse xogos infantís de auga adaptados a esta contorna e reforzarase a relación mariñeira do municipio.
Con cinco millóns procedentes da Unión Europea e un millón de fondos propios realizaranse diversas actuacións como a humanización da Avenida de Ourense, que se atopa case finalizada. Tamén está prevista a construción do Auditorio, a elaboración do Plan de mobilidade urbana sostible e a mellora da administración dixital, entre outros proxectos.
A alcaldesa sinala que estas obras permitirán dar un salto de calidade e "marcar un antes e un despues no noso municipio", indicou Ramallo ao afirmar que se mellorará a calidade de vida dos marinenses.
COMEZA A INSTALACIÓN DE NOVA ILUMINACIÓN
Realízase durante estes días unha mellora da instalación da iluminación pública exterior no lugar de Castro coa instalación de novos puntos de luz. A obra conta cun orzamento de 53.529 euros, financiado a través do Plan Concellos da Deputación. A empresa terá un prazo de 45 días para a elaboración dos traballos.
Mellorarase a eficiencia enerxética de toda a instalación, cambiando as fontes de luz por luminarias de tecnoloxía Led, ademais renovarase o cableado e todos os brazos metálicos existentes e que se atopan deteriorados, segundo o goberno local.
Relacionadas:
-
A crise de materias primas atrasa o remate das obras do Paseo Alcalde Blanco de Marín
Por Redacción |
-
As obras de mellora do Paseo alcalde Blanco avanzan en prazo
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez sinala a reforma da Avenida de Ourense de Marín como exemplo de bo uso dos fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
O Paseo Alcalde Blanco comeza mostrar a súa nova imaxe, cun miradoiro á ría en pleno centro urbano
Por Redacción |
-
As obras de humanización da Avenida de Ourense, en Marín, entran na súa recta final
Por Redacción |