Ethel Vázquez sinala a reforma da Avenida de Ourense de Marín como exemplo de bo uso dos fondos europeos
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou este martes a reforma da Avenida de Ourense de Marín como "un exemplo de bo uso dos fondos europeos" e reclamou un "reparto xusto" dos recursos comunitarios do programa Next Generation para "continuar avanzando".
Ethel Vázquez participou, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, na inauguración da actuación "ambiciosa" de mellora da mobilidade na avenida de Ourense, que levou a cabo o Concello no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Marín 2020.
A titular de Infraestruturas afirmou que as condicións establecidas polo Goberno de España para o reparto destes fondos de mobilidade "fan imposible que se poidan acometer actuacións en concellos de menos de 50.000 habitantes", a pesar de que a propia Unión Europea pide investimentos no rural e nos municipios máis pequenos.
Segundo a conselleira, na práctica, isto supón que o 98% dos municipios galegos quedan fóra do reparto e destes investimentos, como é o caso de Marín.
Ethel Vázquez apuntou que, co obxectivo de que o Goberno de España mude os criterios e acadar un maior equilibrio no reparto deses fondos, a Xunta e máis de 100 concellos galegos, entre eles Marín, impulsan unha declaración institucional baixo o lema ‘Por un rural forte e conectado’.
A reforma integral da avenida de Ourense supuxo a ampliación de beirarrúas, a construción dun carril bici e a renovación da iluminación con tecnoloxía led. A inversión da humanización foi de cerca a 1,1 millóns de euros, coa cofinanciación dun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, a través da estratexia Marín Dusi.
Por outra banda, a renovación do colector (obra anterior que se levou a cabo pola Xunta de Galicia) supuxo unha inversión que ronda os 2,8 millóns de euros.
A alcaldesa de Marín María Ramallo tamén adiantou que o obxectivo do Goberno local é agora traballar pola renovación da beira oposta, rehumanizando a beirarrúa, ancheándoa e gañando espazo. O proxecto xa está realizado, aínda que é preciso agardar ao pronunciamento de Carreteras del Estado.
O presidente da Autoridade Portuaria do Porto de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, acompañou a ambas mandatarias nas súas intervencións.
Unha obra así non podía inaugurarse, ademais, sen as persoas que máis gozarán da súa renovación. Por iso acompañaron ao Goberno local representantes das asociacións veciñais da zona e unha comitiva da escola de ciclismo XSM de Irene Trabazo.