A Xunta apoia con 160.000 euros a contratación de 40 socorristas en concellos de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas destinadas aos concellos galegos para apoiar a contratación de servizos de interese xeral e social que sexan de competencia municipal. Ao abeiro desta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade vai outorgar case 160.000 euros para a contratación de 40 socorristas en doce concellos das bisbarras de Pontevedra e O Salnés.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse a primeira hora deste luns ata a Praia da Cabeceira, no Concello de Poio -que é o segundo maior beneficiario da provincia-, para informar desta resolución xunto ao alcalde, Luciano Sobral.
"Trátase dun apoio fundamental para os concellos que, en moitos casos, terían dificultades para financiar este servizo se non fora pola colaboración da Xunta de Galicia malia que se trata dunha competencia municipal. En todo caso, cremos que é unha cuestión importante, tanto por seguridade como polas necesarias condicións destes espazos turísticos e por suposto nos poñemos, coma sempre, ao lado dos municipios", manifestou o representante autonómico.
En toda Galicia, a Consellería de Emprego e Igualdade destina este ano 1,5 millóns de euros a esta orde de axudas, que beneficia a 163 concellos galegos e permite a contratación de 464 persoas desempregadas e coa capacitación para este servizo de vixilancia de espazos acuáticos.
A distribución destas achegas para o financiamento do persoal no servizo de socorrismo estival nas comarcas de Pontevedra e O Salnés é a seguinte: