A Deputación aproba axudas para os concellos, as estradas provinciais, o sector primario e os festivais de cinema
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou dos asuntos abordados na Xunta de Goberno deste luns entre os que destaca a aprobación de dous convenios para a mellora de vías provinciais por valor de 1,8 millóns de euros.
Trátase dun convenio co Concello da Illa de Arousa para a urbanización da Avenida Castelao (1,1 millóns) e outro convenio co Concello de Tui destinado a reforzar a seguridade viaria das estradas EP-2502 (470.000 euros) e da EP-3001 (140.000 euros).
Segundo destacou Carmela Silva "nunca houbo tanto investimento nin planificación nas estradas provinciais como con este goberno", no que ao seu xuízo supón "un cambio radical nas nosas vías con proxectos integrais e transformadores".
Ademais aprobáronse este luns outros 500.000 euros para a liña 2 de Plan Concellos da que se beneficiarán 8 concellos. Catro deles destinarán estes fondos a amortización de pago de débeda e gasto corrente, é o caso de Cambados e Crecente, e por outra banda A Estrada destinará 328.000 ao reforzo dos labores de limpeza e desinfección e Salceda, a embelecemento de espazos públicos.
Outros catro destinan este diñeiro a actividades socioculturais como ocorre con Lalín, Nigrán, Ponte Caldelas e Vilagarcía.
SECTOR PRIMARIO
Da orde do día da Xunta de Goberno tamén se aprobaron axudas para o sector primario. Concretamente foron 500.000 euros para 17 cooperativas agro gandeiras e 21 confrarías e agrupacións de marisqueo de 26 concellos.
FESTIVAIS DE CINEMA
Por último, Carmela Silva tamén deu conta das axudas a festivais de cinema que se organizan na provincia baixo a marca Rías Baixas Film Fest. A dotación total é de 150.000 euros, son 20.000 máis que no pasado ano 2020.
Os beneficiados son os festivais de Cans (Porriño), Primavera de Cine (Vigo), Play-Doc (Tui), Festival Again de Cine Inclusivo (Vigo), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía), Galicia Freaky Film (Vigo), Novos Cinemas (Pontevedra) y Curtas Armadiña (Poio).