A Deputación aprobará un investimento de 1,8 millóns de euros do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantou este xoves en rolda de prensa os asuntos que van ser aprobados na Xunta de Goberno que se celebrará este venres e na que destaca un investimento de 1,8 millóns de euros do Plan Concellos para Cangas, Cuntis, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vilaboa e Tui, que recibe máis de 500.000 euros para reformar unha das súas rúas principais.
Carmela Silva tamén avanzou que se aprobarán axudas por 150.000 euros aos festivais musicais e de artes escénicas.
DEPO EMPRENDE
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén se referiu ao programa DepoEmprende. Trátase dunha iniciativa que forma parte dun convenio de colaboración subscrito pola administración provincial coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que ten como fin o fomento de iniciativas e actividades emprendedoras nos centros educativos da provincia de Pontevedra.
É unha ferramenta de apoio para os centros educativos que, a través da metodoloxía por proxectos, pretende espertar o interese e a curiosidade do alumnado sobre a súa propia aprendizaxe, aumentar o seu desenvolvemento activo e promover relacións cooperativas e participativas como medio para mellorar o clima de convivencia nos centros.
Terminada a edición deste ano, Carmela Silva anuncia que "iniciamos xa unha nova edición" na que o alumnado crea as súas propias cooperativas e na que "poderán participar 12 centros en Primaria e 10 na ESO e na FP".
AVIVENTA O DEPORTE
Finalmente, Carmela Silva deu conta das axudas que destina a Deputación de Pontevedra a deportistas de alto nivel dentro do programa coñecido como " Aviventa o Deporte" que aposta por unha "marca propia" para os deportistas de alto nivel e as promesas coa aprobación das bases das bolsas, dotadas de 250.000 euros.
Ramén se destinan 75.000 euros para os "Depo Olímpicos", que segundo detallou a presidenta, na provincia "temos 12 clasificadas para os Xogos Olímpicos de Tokio e 5 para os Paralímpicos".
Relacionadas:
-
Humanizan a contorna para mellorar a accesibilidade á praza traseira do Concello de Cuntis
Por Redacción |
-
O pleno da Deputación elude o debate sobre a concesión dos indultos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación aproba novos traballos de conservación de firmes nas estradas provinciais por valor de 2,2 millóns
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aproba axudas para os concellos, as estradas provinciais, o sector primario e os festivais de cinema
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aproba novos recursos para Poio e Cambados
Por Oskar Viéitez |