A Garda Civil destinará once axentes ao novo punto de atención de Vilanova, que abrirá mañá e tarde
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O novo punto de atención cidadá da Garda Civil en Vilanova de Arousa xa ten vía libre. Trátase dunha vella reivindicación da veciñanza e o Concello e semanas atrás a Subdelegación do Goberno anunciou que se escoitaría. Agora, acaba de firmarse o convenio que o fará realidade.
O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, asinaron o convenio este mércores nun acto presidido pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Unha vez formalizado, o Concello poderá empezar coas obras para habilitar o local que acollerá aos gardas.
O coronel Venzal deu a coñecer que haberá 11 axentes destinados a este novo punto e que a Garda Civil prestará atención as 24 horas do día, aínda que tan só fará atención ao público durante o día, en horario de mañá e tarde.
O alcalde, pola súa parte, adiantou que confía en que no prazo dun mes estarán rematadas as obras do novo local. Trátase dun "local comercial amplo" que agora hai que adaptar ás necesidades da Garda Civil en base a un proxecto "xa rematado e contratado a unha empresa". Agarda que esta mesma semana poidan empezar a poñer tabiques.
Gonzalo Durán lembrou que a presenza da Garda Civil en Vilanova é unha demanda da veciñanza desde que hai máis de corenta anos perderon o vello cuartel e que mesmo se chegou a crear unha asociación para reclamalo. Agradeceu a "prontitude e dilixencia" da Garda Civil e da Subdelegación do Goberno para facelo realidade.
A subdelegada recoñeceu que se trata dunha "demanda histórica" e que este convenio asinado este mércores era o "paso definitivo" para que o Concello poña o local a disposición da Garda Civil.
Larriba manifestou o seu desexo de que este novo punto de atención cidadá estea operativo no verán, "o máis rápido posible", xa que Vilanova é un concello "eminentemente turístico" no que aumenta a poboación no verán e, polo tanto, tamén as necesidades