Vilanova de Arousa recuperará o posto da Garda Civil no verán
Por Redacción
Vilanova de Arousa volverá ter presenza permanente da Garda Civil décadas despois do peche do seu antigo cuartel. A partir do verán contará cun posto de atención á cidadanía deste Corpo.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, anunciou a decisión este venres despois de manter un encontro co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; e os principais responsables do corpo na zona.
Na reunión traballaron para ultimar os detalles da instalación deste posto e ao seu remate, Larriba confirmou que quixo visitar Vilanova para outorgarlle "un carácter formal e definitivo" a esta iniciativa despois de moito tempo traballando para facela realidade.
Gonzalo Durán valorou que a volta das instalacións da Garda Civil a Vilanova de Arousa era "unha reivindicación histórica" e por iso este acordo lle xera grande satisfacción. É, segundo insistiu, "un paso máis para recuperar a nosa identidade coma vila".
O novo posto situarase nun local cedido polo Concello e próximo ao edificio consistorial. Durante a reunión, o Concello comprometeuse a adecuar as novas dependencias antes da temporada estival.
A subdelegada expresou que o seu desexo é que Vilanova de Arousa poida contar con este novo punto de atención á cidadanía no verán, xa que "é un municipio turístico e durante estes meses rexistra unha importante actividade e afluencia".
Larriba tamén amosou a súa satisfacción por este acordo, xa que permitirá achegar os servizos que presta a Garda Civil á toda a poboación de Vilanova e agradeceu a colaboración e dispoñibilidade do Concello, que proporcionou o espazo para poder facer realidade esta presenza física da Garda Civil no municipio.