A ABAU con necesidades especiais: un exame ditado, tempo extra ou unha cama para descansar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un total de 1.223 estudantes examínanse desde este martes das probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), a antiga Selectividade, en Pontevedra. Para cada un deles, os exames supoñen un esforzo e resulta un momento complicado na súa vida académica, pero hai 12 para os que ese esforzo se multiplica. Trátase dos 12 alumnos e alumnas que se examinan nas instalacións do Centro de Recursos Educativos –CRE- da ONCE, ao que acode alumnado de toda Galicia con necesidades educativas especiais para o que resultaría complicado adaptar o centro no que lle tocaría realizar as probas.
Os distintos centros de exame ofrecen opcións de adaptación para alumnado con algunha discapacidade ou que teña unha pequena necesidade especial, pero aqueles que requiren necesidades extra son derivados a este CRE pontevedrés. Cada ano adoita haber entre 10 e 15 estudantes e este ano non é diferente. Son 12 e teñen distintos tipos de discapacidades ou circunstancias persoais concretas. Por exemplo, tres cegos ou con discapacidades visual severa, un que se move en cadeira de rodas ou outro que padece narcolepsia.
Iván é un deses alumnos e quizais o que require máis adaptacións. Desprazouse ata Pontevedra para facer as probas desde Brión e é un dos cinco alumnos que este ano realiza as probas só nun cuarto. Segundo os seus pais, danlle "todas as facilidades", máis tempo para facer as probas, unha cama na que descansar, folios pautados en lugar de en branco ou un ordenador de apoio.
"Por necesitar, necesitaría que se lle adaptasen as preguntas do exame, non para que sexa máis fácil, senón para que poida respondelas no mesmo tempo, pero e certo é que iso non o conseguimos", lamentan os seus pais, que tan só teñen palabras de agradecemento para todo o persoal que o está a atender estes días para as probas, pero quéixanse de que durante os meses e semanas previos a Comisión Interuniversitaria de Galicia –CIUG-, que organiza as probas, non os escoitou.
Eles tan só pedían poder falar en persoa coa Administración para trasladarlles a situación do seu fillo, pero todo o contacto foi a través do centro educativo e cren que se precisa mellorar esa comunicación. "Cada un ten a súa particularidade e hai detalles que o centro non sabe", explican, e aclaran que "nós non queremos interferir nas probas" e que se trata de rapaces que, coas súas discapacidades ou necesidades especiais, foron "capaces de superar o bacharelato e con solvencia".
"O que pedimos é igualdade", insisten. No caso de Iván, ten máis tempo para facer as probas, pero iso supón que vai quedar sen descanso entre materias ou vai ter que comer un bocadillo no cuarto. É tamén o caso de Óscar, un rapaz chegado desde Ourense. O seu pai relata que este martes, na primeira xornada, só tiña dous exames e non pasa nada por estar máis tempo facéndoos, pero o mércores, por exemplo, terá catro exames moito máis longos, de modo que non terá tempo para descansar e a xornada prolongarase demasiado.
Os pais de Iván, que tiveron que aloxarse nun hotel en Pontevedra para non engadir máis cansancio ao seu fillo estes días, cren que habería unha solución sinxela adaptando os exames ás súas necesidades para examinalos da mesma materia, pero de xeito diferente. "A igualdade pasa por conseguir que un neno destes sexa capaz de facer unha proba en hora e media", manteñen, e anuncian que pensan en presentar unha reclamación na Valedora do Pobo. O seu fillo ten unha enfermidade neurodexenerativa, a psicomotricidade fina moi alterada, dificultades para escribir, fatiga cando escribe e un problema de corazón que fai que pensar e razoar lle supoña un esforzo.
Os pais de Óscar e Iván coinciden en que os seus fillos e, en xeral, todo o alumnado afronta as probas "con tranquilidade", sen manifestar externamente os nervios que seguro que teñen por dentro. Nerea, alumna de Poio que tamén está a facer as probas neste centro con tempo extra polas súas características persoais, demostrouno despois da primeira proba, de Historia, da que saíu tranquila e segura de que o fixo "ben".
Desde a CIUG, o presidente da Comisión 43 de necesidades educativas especiais, Enrique Lorenzo, explica que hai cinco persoas con exame medio ditado ou con ordenador ou atención personalizada e que, no caso do alumno con narcolexia, se lle facilita "espazo de descanso entre exames para que poida recuperar esa esixencia que supón executar o exercicio". O obxectivo, sostén, "é a igualdade de oportunidades" e, para iso, adáptanlles tempos e espazos.
En canto aos estudantes con discapacidade visual, para a súa preparación contaron co apoio dos mestres e mestras que forman parte dos Equipos Específicos de Atención Educativa que a ONCE, en colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia, pon á súa disposición durante toda a súa etapa de formación.
Debido á actual situación sanitaria, estanse a seguir estritas medidas de limpeza, ventilación e desinfección periódicas. Ademais, polas particularidades do alumnado, cinco están sós nunha aula e hai unha clase con tres e outra con catro, de maneira que os espazos de exame teñen unha separación moi superior á recomendada polas autoridades sanitarias.