1.223 estudantes examinaranse da Abau desde este martes en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Este martes 8 de xuño comezan en Galicia os exames da temida ABAU (Avaliación de Bacharelato de Acceso Universitario).
En Pontevedra están matriculados na antiga selectividade 1.223 estudantes. A gran maioría é alumnado que superou o bacharelato neste curso, pero tamén concorren a esta proba os procedentes de Formación Profesional ou os que repiten as probas, entre outras casuísticas.
Cada exame dispoñerá de 90 minutos para a súa realización. As notas provisionais publicaranse antes do 25 de xuño. Do 13 ao 15 de xullo terán lugar as probas da convocatoria extraordinaria para as reclamacións aceptadas, que publicarán os resultados provisionais o 23 de xullo.
A cualificación da ABAU será a media aritmética das cualificacións obtidas nos exames das materias troncais. A nota final terá que ser igual ou superior a 4. En canto á nota de acceso á Universidade supoñerá un 40%, sendo o restante 60% a media da etapa escolar.
A nota final poderá subirse examinándose voluntariamente dun máximo de catro optativas que se poderán elixir entre as opcións do bloque de troncais de segundo e as xerais troncais específicas da súa propia modalidade.
A cidade de Pontevedra terá cinco puntos de examinación, tres facultades universitarias, o pavillón do campus e o colexio da ONCE
Na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación fará o exame o alumnado dos institutos pontevedreses Xunqueira II, Torrente Ballester, Luís Seoane, Sagrado Corazón ademais dos do Chano Piñeiro de Forcarei e do Nelson Mandela da Lama.
Á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acudirá o alumnado dos institutos pontevedreses Sánchez Cantón, Valle-Inclán, Xunqueira I, o CFEA de Lourizán ademais do alumnado do Johan Carballeira de Bueu e dos institutos marinenses Illa de Tambo, Chan do Monte e do San Narciso.
Na Escola de Enxeñaría Forestal examinarase o alumnado dos institutos pontevedreses Frei Martín Sarmiento, Los Sauces, do CIFP A Xunqueira, do CIFP Carlos Oroza, do IES Montecelo e da escola de adultos Río Lérez, tamén estarán o alumnado do Sek‐Atlántico e do instituto de Poio, así como os de Ponte Caldelas.
Finalmente, acudirán ao Pavillón Universitario do Campus de Pontevedra os alumnos dos institutos Ramón Cabanillas de Cambados, Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa, Monte da Vila do Grove, Vilalonga de Sanxenxo, A Basella de Vilanova de Arousa e do IGAFA Instituto Galego de Formación en Acuicultura.
A última sede é o Colexio Santiago Apóstolo da ONCE onde se examinará ao alumnado con discapacidade ou necesidades especiais.
Relacionadas:
-
RADIO.- Debatemos, que ten máis garantías de futuro a FP ou a universidade?
Por Marisa Ciordia |
-
Os aspirantes á universidade pasan as probas da ABAU no campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
A ABAU con necesidades especiais: un exame ditado, tempo extra ou unha cama para descansar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Doce estudantes con discapacidade examinaranse da Abau no colexio da ONCE
Por Oskar Viéitez |