280.000 euros da Xunta para mellorar o acceso ao Polígono Industrial de Racelo e crear un viveiro empresarial
Por Redacción
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación concedeu axudas por 280.000 euros ao Concello da Lama para que se desenvolvan diferentes obras que melloren as infraestruturas do Polígono Industrial de Racelo. Entre estas melloras está a creación dun viveiro empresarial.
Este luns, Luís López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitaba este espazo acompañado polo alcalde da Lama Jorge Canda. As partidas previstas irán destinadas principalmente a sinalizar e acondicionar os accesos a este recinto e á construción dese novo inmoble para emprendedores.
A Xunta de Galicia financiará así o 80% dos preto de 350.000 euros de investimento previstos para esta dobre obra. 40.000 euros centraranse nas infraestruturas para mellorar a imaxe do polígono e a súa seguridade mentres que 240.000 investiranse no novo edificio para acoller novas empresas.
Segundo explicou Luís López a intención é fixar poboación creando riqueza e emprego no rural, nun municipio que se atopa "moi preto de Pontevedra". O inmoble previsto terá máis de 500 metros cadrados de extensión con tres naves, unha de 144 metros e outras dúas, de 71 cada unha. Tamén se establecerán espazos comúns con vestiarios, aseos, oficinas, zonas de xestión, aulas de formación e sala para reunións.
López destacou a integración do Concello da Lama na iniciativa da Xunta de Concellos Emprendedores para ofrecer unha baixa fiscalidade, a concesión de licenzas industriais en prazos reducidos e outras vantaxes para os promotores de proxectos de creación de emprego.