Poio resolveu 1.151 incidencias denunciadas pola cidadanía na "liña verde"
Por Redacción
O Concello de Poio salienta o bo funcionamento que está a ter a Liña Verde. Trátase dunha ferramenta que xa está plenamente consolidada entre a veciñanza, como o demostran as máis de 1.151 incidencias e avisos trasladados por parte dos cidadáns desde o ano 2016.
Esta aplicación ten coma obxectivo facilitar ás persoas a realización de avisos, consultas e demandas vencelladas a reparacións, melloras e outras actuacións.
"É un mecanismo que resulta tremendamente útil para solicitar melloras e que complementa outras vías de comunicación que existen entre a cidadanía e o Concello, como pode ser o Rexistro Municipal". Así o sinalan Silvia Díaz (Avante Poio) e Chelo Besada (PSOE), responsables dos departamentos que xestionan esta prestación (Participación Veciñal e Servizos Municipais, respectivamente).
Un dos aspectos nos que fan fincapé os integrantes do equipo de Goberno é na eficacia á hora de dar resposta a estes avisos. Preto do 95% das incidencias advertidas por parte da veciñanza ao longo do último lustro foron resoltas, cun tempo de resposta, no peor dos casos, de poucos días. A maior parte deste tipo de xestións responden a avisos relacionados cos Servizos Municipais.
As chamadas e envíos de avisos centráronse fundamentalmente en solicitudes para reparación de alumeado público, arranxo en beirarrúas, limpeza viaria ou estado do mobiliario urbano. Ademais, tamén se impulsaron actuacións desde Parques e Xardíns en base ás achegas realizadas pola cidadanía.
"A implicación veciñal resulta moi importante para que os operarios municipais poidan ter constancia de todos os lugares nos que é preciso actuar, dada a extensión da nosa vila", coinciden Besada e Díaz, que lembran, asemade, que a través de Liña Verde tamén é posible realizar outro tipo de consultas, como poden ser as de carácter medioambiental, que reciben resposta nun prazo aproximado de 24 horas.
O 85% das incidencias foron transmitidas mediante a utilización da aplicación que Liña Verde ofrece, de xeito totalmente gratuíto, para dispositivos móbiles. Unha vez instalada, mediante este dispositivo os usuarios poden acceder a un espazo no que deixan constancia da incidencia, coa posibilidade de colgar unha fotografía que acredite a incidencia e as observacións que considere oportunas.
Unha vez se dá resposta á demanda, a persoa que se puxo en contacto recibe un aviso de que dita incidencia foi solucionada. Ademais, tamén é posible facer uso deste servizo a través da páxina web Lineaverdepoio.com. Neste sentido, lémbrase que na páxina web do Concello existe unha ligazón directa a este espazo virtual.