Bueu activa un plan especial de verán no barrio de Banda do Río
Por Redacción
O Concello de Bueu implementará dende este venres unhas novas medidas de ordenación da mobilidade no barrio de Banda do Río. Segundo avanzaron dende o goberno local, estarán en vigor durante a tempada estival e terán en conta todas as sensibilidades e usos.
É por iso que o alcalde da vila, Félix Juncal, reuniuse durante a mañá deste venres con representantes da hostalaría e coa asociación e da plataforma veciñais para comunicar as principais medidas.
Así, chegaron ao acordo de que de luns a venres pecharán a rúa Montero Ríos, concretamente entre Rosalía de Castro e Alexandre Bóveda, e entre o canellón da Bicha e Francisco Escáneo, a partir das 20:30 horas, e as fins de semana e festivos dende as 14.30 horas. Nestes horarios non se poderá acceder con vehículos agás as persoas residentes ou as que se dirixan ao barrio para determinados servizos, como compras ou recollida de comida (se deberá contar co debido recibo ou factura).
Este cambio estará en vigor dende este venres e permitirá que as persoas residentes do barrio ou os servizos poidan acceder durante todo o día. "O que pretendemos é conciliar todos os usos e dereitos", destacou o alcalde durante a xuntanza.
O fundamental é que cando pechen a rúa ao tráfico, os locais de hostalaría poderán colocar as terrazas ao longo da calzada, deixando o paseo e a beirarrúa libres para que a cidadanía poida pasear con plenas garantías. Ademais, entre a rúa Alexandre Bóveda e o canellón da Bicha reservarán o estacionamento para residentes, agás en horario comercial que se destinará tamén para servizos.
Para velar polo cumprimento destas medidas, o Concello poñerá en marcha un control dos botellóns por parte da Policía Local e establecerá un dispositivo de limpeza nas mañás das fins de semana.
Relacionadas:
-
Bueu busca a colaboración cidadá para elaborar a nova ordenanza de terrazas
Por Redacción |
-
Un centenar de nenos participan no 'Concilia Bueu 2021'
Por Redacción |
-
'Concilia Bueu', un programa de conciliación con 100 prazas en xullo e agosto
Por Redacción |
-
Bueu creará un circuíto de acceso e saída na praia de Tuia
Por Redacción |