'Concilia Bueu', un programa de conciliación con 100 prazas en xullo e agosto
Por Redacción
O Concello de Bueu repetirá este ano 2021 o programa municipal 'Concilia Bueu', que oferta obradoiros de diversas temáticas dirixidos á rapazada de entre 3 e 12 anos entre o 1 de xullo ao 31 de agosto; todo sen ningún custo para as familias.
O prazo de inscrición para participar no programa queda aberto este martes 15 de xuño. Así o deu a coñecer o Concello a través dun comunicado, ao tempo que anunciou que as solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral ou na Sede Electrónica do Concello ata o 22 de xuño.
Ao igual ca o ano pasado, o programa terá un marcado carácter social, co fin de favorecer a conciliación laboral e familiar, ao tempo que se ofrece unha alternativa de lecer para os nenos e nenas.
No programa poderán participar ata 100 nenos e nenas, que gozarán de diversas actividades relacionadas coa cultura, o medio ambiente e o deporte, de luns a venres en horario de 8.00 a 14.00 horas.
As solicitudes terán en conta tres requisitos principais: empadroamento en Bueu dun mínimo de tres meses e baremo da situación socio-familiar e socio-laboral. De existiren prazas vacantes, poderán optar a estas nenas e nenos empadroados noutros concellos. E no caso de empate prevalecerá a orde de presentación de solicitudes.
Toda a información, as bases do programa e as solicitudes poderá consultarse na páxina web do Concello de Bueu: www.concellodebueu.gal.
Relacionadas:
-
‘Concilia Bueu’ despídese ata o próximo verán
Por Redacción |
-
Un centenar de nenos participan no 'Concilia Bueu 2021'
Por Redacción |
-
Bueu activa un plan especial de verán no barrio de Banda do Río
Por Redacción |
-
A provincia acollerá 20 campamentos e campos de voluntariado da Campaña Xuvenil de Verán 2021 da Xunta
Por Redacción |
-
Arranca o Concilia Bueu coa participación de máis de setenta nenos e nenas
Por Redacción |