Obradoiros escolares sobre reciclaxe e boas practicas ambientais para celebrar o Día do Medio Ambiente en Caldas
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis desenvolveu ao longo de toda a semana un programa de obradoiros nos diferentes centros educativos do municipio con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra este sábado, día 5 de xuño. As actividades foron no Centro Ocupacional do Saiar, no CEIP San Clemente, no CPI Alfonso VII, no IES Aquis Celenis, no CPI San Fermín e no CPR La Encarnación.
Con esta campaña, a concellería de Medio Ambiente busca sensibilizar sobre a importancia da reciclaxe, a compostaxe, as boas prácticas medioambientais e a preservación do medio ambiente. Todo iso o levaron a cabo ao redor de charlas didácticas, divertidas e dinámicas dirixidas a fomentar a adquisición por parte do alumnado de valores e coñecementos para actuar ante a problemática urbana e medioambiental.
A entidade que impartiu a actividade foi 'Aíndamais', gozando dunha excelente acollida por parte da poboación escolar xa que espertaron un enorme interese entre os rapaces e rapazas que, entre outras cuestións, avanzaron na adquisición de coñecementos sobre a xestión do lixo, o proceso de compostaxe da materia orgánica e os diferentes pasos que se deron para xestionar o lixo da forma máis sostible e respectuosa co medio ambiente. Tamén interesáronse na reutilización e reciclaxe de roupa.
Dende o Concello destacaron que xa existe moita sensibilización no colectivo escolar aínda que é necesaria máis información e máis formación sobre esta materia. Ademais, a aceptación e a interacción nos talleres foi tan boa que acordaron iniciar a partir do mes de outubro un novo programa de obradoiros sobre esta temática.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, destacou que "as actuais xeracións de estudantes son o futuro da nosa sociedade e nese aspecto inculcar valores a prol do coidado do medio ambiente e ensinar pautas de conducta responsables para o día a día é fundamental". Tamén aproveitou para animar á cidadanía a seguir incorporando a reciclaxe e a compostaxe nos seus hábitos "como a mellor fórmula para favorecer unha economía circular, sostible e que non dane de maneira continua os ecosistemas".
APAGÓN CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO
Finalmente, o Concello de Caldas de Reis unirase este sábado, Día Mundial do Medio Ambiente, ao 'apagón' convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A partir das 23.00 horas, suspenderán a iluminación pública do consistorio co fin de concienciar sobre o consumo enerxético. A acción está englobada no proxecto europeo 'People and Planet', que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
Relacionadas:
-
O CEIP San Clemente de Caldas estrea parque de xogos
Por Redacción |
-
Un grupo de voluntarios retiran en Ons 380 quilos de residuos e plantas invasoras
Por Redacción |
-
Múltiples iniciativas na comarca para conmemorar o Día Mundial de Medio Ambiente
Por Redacción |
-
Caldas de Reis aposta por converterse en "espazo trail running"
Por Redacción |