Airbnb colaborará coa Deputación nuns cursos para o sector turístico
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra e a plataforma Airbnb van colaborar neste mes de xuño ao abeiro do programa TurisTIC, de SmartPeme, na organización de catro accións formativas para fomentar o emprego das novas tecnoloxías, impulsar a dixitalización do turismo no rural, fomentar as viaxes sostibles e axudar ás empresas a atender ás novas tipoloxías de persoas viaxeiras que existen na contorna dixital.
Deste xeito, os días 15, 16, 22 e 23, de xuño, entre as 10 e as 11 da mañá, terán lugar os seminarios dixitais gratuítos a cargo da plataforma sobre a creación e optimización de anuncios de aloxamentos, actividades, visitas guiadas e experiencias.
As accións, nas que xa é posible inscribirse na web de SmartPeme, van dirixidas a persoas emprendedoras, autónomas e pemes do sector turístico.
A presidenta da Deputación Carmela Silva destacou a "firme aposta" da institución provincial "pola dixitalización e pola intelixencia máis nun sector, como o turístico, que debe ter unha estreita relación coa tecnoloxía".
Pola súa banda Mónica Casañas, directora xeral de Airbnb Marketing Services S.L. asegurou que "as liñas divisorias entre viaxar, vivir e traballar estanse a difuminar e en Airbnb trabállase para que as persoas anfitrioas e as comunidades locais, especialmente as que se atopan en zonas rurais, poidan beneficiarse desta nova realidade".
Relacionadas:
-
A Deputación, satisfeita pola acollida da súa campaña 'É o teu momento' en Fitur
Por Redacción |
-
A Deputación anima en Fitur a "recuperar a felicidade" visitando as Rías Baixas "un lugar que enamora"
Por Oskar Viéitez |
-
'É o teu momento', a campaña de experiencias únicas que Rías Baixas levará a Fitur
Por María José Pita |