O campus de Pontevedra súmase ás protestas contra a universidade privada de Abanca
Por Redacción
A comunidade universitaria galega está en pé de guerra contra a privatización que supón, segundo consideran, a creación dunha universidade privada en Galicia.
Estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos do campus da Xunqueira sumáronse á convocatoria da Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública en todos os campus galegos contra esta universidade impulsada por Abanca.
Cunha pancarta na que se lía "En defensa da universidade pública, contra a privatización", durante as mobilizacións escoitáronse consignas como "non, non, non á privatización", "Feijóo, escoita, a universidade está en loita", "a Xunta de Galicia, recorta e privatiza", "o ensino na rúa, a loita continúa" ou "o público é servizo, o privado beneficio".
Os convocantes reafirmaron nesta protesta que unha universidade privada "sería nefasta" o sistema universitario galego e para a poboación, xa que "os servizos públicos son o único garante do acceso universal á educación superior do alumnado galego".
Entenden que Galicia non precisa dunha universidade privada porque os centros públicos contan cunha ampla oferta académica, cunha importante especialización nos diferentes campus, "que responde perfectamente á demanda existente".
O manifesto da plataforma subliña que a creación desta universidade privada suporá ademais que as universidades públicas, "que xa teñen dificultades polo descenso de alumnado nos últimos anos", vexan incrementado o problema.
Denuncian que "a maquinaria propagandística non dubidará en mentir sobre os beneficios laborais do alumnado que estude nos seus centros", en detrimento da universidade pública.