A avenida Francisco Regalado xa se chama Baixada á Chousa e Paseo das Redeiras
Por Redacción
A avenida Francisco Regalado xa é historia. A partir deste momento e de xeito oficial, a nova denominación da contorna da Praza da Chousa e do peirao de Combarro pasará a chamarse Baixada á Chousa e Paseo de Redeiras.
No acto, celebrado durante a mañá deste sábado, o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas, destacaron "o compromiso do Concello poñendo en valor a toponimia local e o labor da muller na actividade económica e na vida social da vila" ao mesmo tempo que garanten "a hixiene democrática eliminando unha nomenclatura que facía referencia a unha etapa escura e represiva como foron a Guerra Civil e a ditadura franquista".
"A competencia municipal e as consultas coa veciñanza permitiron que poidamos avanzar na liberalización de nomes vencellados ao franquismo no noso concello", afirmou Caldas. Mentres, Sobral destacou que este proceso serve para "corrixir un punto negro da nosa historia", sendo un "orgullo que se apostase por poñer en valor o nome da contorna da Chousa e a figura das redeiras, polo súa importancia histórica dentro dun sector especialmente importante para o noso municipio".
O acto incluíu unha actuación a cargo da artista Cora Velasco e a entrega dunha ilustración, a modo de agasallo, ás persoas asistentes.
Discrepancia da oposición
Tucho Muíños, concelleiro popular pola parroquia de Combarro, non acudiu ao acto porque o Tripartito "incumpliu un acordo do pleno do 30 de outubro de 2018" onde quedaron en buscar un nome a estas rúas "que nunca se produciu".
Desta forma, os populares ditaminan que a proposta do cambio de denominación da rúa "nunca se fixo ni celebrou" polo que "non imos ser partícipes dun 'paripé' cando non fumos partícipes do proceso de propostas, evaluación e cambio de denominación das rúas".
Finalmente, o Partido Popular reclama ao goberno local que facilite e axilice a tramitación administrativa para que a veciñanza e negocios non se vexan afectados xa que este cambio "non pode supoñer un problema".
Relacionadas:
-
Informe técnico favorable para que a Praza da Chousa en Combarro deixe de pertencer a Portos de Galicia
Por Redacción |
-
Poio colocará o 29 de maio a placa coa nova denominación da rúa Francisco Regalado
Por Redacción |
-
A Avenida Francisco Regalado pasará a chamarse Paseo das Redeiras
Por Redacción |
-
O almirante Francisco Regalado desaparecerá do rueiro de Combarro en aplicación da Lei de Memoria Histórica
Por Redacción |