O almirante Francisco Regalado desaparecerá do rueiro de Combarro en aplicación da Lei de Memoria Histórica
Por Redacción
A Concellería de Memoria Histórica de Poio está a ultimar unha proposta para modificar a denominación da avenida Francisco Regalado de Combarro, que vai desde o cruce da avenida da Costa, na estrada PO-308, ata a subida do porto da Canteira cara á avenida de Chancelas, de novo na PO-308. Este longo vial atravesa parte da praza da Chousa e do paseo do Peirao.
A proposta que se está a estudar dende o departamento que dirixe a edil do BNG Marga Caldas consiste en poñer un nome diferente a cada un dos dous treitos que forman a avenida. O primeiro deles, entre a rotonda e a praza da Chousa, pasaría a chamarse rúa Baixada á Chousa, tal e como se falou cos colectivos locais durante as conversas mantidas para ter en conta as súas achegas neste proceso.
Con respecto ao paseo que vai desde A Chousa ata a praia da Canteira, Caldas Moreira entende que "é un tramo no que xa non hai baixada, polo que entendemos que é preciso apostar por outra nomenclatura". A intención do departamento municipal é, sempre en consenso cos colectivos veciñais, "apostar por algún nome vencellado a oficios tradicionais desenvolvidos por mulleres, para poñer en valor o seu esforzo e traballo", apunta a edil do BNG, á vez que adianta que unha das opcións que se está a valorar é "a das redeiras".
Deste xeito, o Concello quere impulsar o proceso de cambio de denominación daquelas rúas que na actualidade teñen nomes vencellados ao réxime franquista, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, como precisamente é o caso do almirante Francisco Regalado. "É algo que debemos facer por hixiene democrática", matiza Marga Caldas.
Este proxecto de cambio de nomenclatura comezaba este ano, coas primeiras conversas con representantes de diferentes colectivos do tecido social e cultural de Combarro. "A situación provocada pola pandemia da covid-19 obrigounos a pospoñer temporalmente este proxecto, pero agora retomámolo e agradecemos a implicación e o interese amosado polas agrupacións á hora de facer as súas achegas", indica a edil de Memoria Histórica.
Unha vez que se materialice o cambio de nomenclatura, o Concello de Poio buscará fórmulas para compensar, en caso de que sexa necesario, os posibles custos que teñan que enfrontar os negocios situados nesta rúa polo seu cambio de nome.
A intención do Concello é que o Pleno da Corporación aprobe esta proposta antes de que finalice o ano.
Relacionadas:
-
A avenida Francisco Regalado xa se chama Baixada á Chousa e Paseo das Redeiras
Por Redacción |
-
Poio colocará o 29 de maio a placa coa nova denominación da rúa Francisco Regalado
Por Redacción |
-
A Avenida Francisco Regalado pasará a chamarse Paseo das Redeiras
Por Redacción |
-
O PP presenta unha proposta de humanización para a Rúa Almirante Francisco Regalado de Combarro
Por Redacción |
-
Poio cambiará a denominación de rúas e espazos públicos con nomes vencellados ao franquismo
Por Redacción |
-
Piden ao Concello que recupere o cruceiro que a corporación de 1938 lle regalou a Franco para o Pazo de Meirás
Por Oskar Viéitez |