E o aplauso en Cerdedo-Cotobade vai para... os voluntarios de Protección Civil
Por Redacción
Os aplausos da poboación que durante os primeiros meses da pandemia da covid-19 se popularizaron para dar as grazas a colectivos esenciais durante os momentos máis duros da crise volveron este sábado a Cerdedo-Cotobade, destinados nesta ocasión aos voluntarios da agrupación de Protección Civil.
O Concello rendeu unha homenaxe á agrupación cun acto condicionado polas restricións derivadas da pandemia, de maneira que a presenza da poboación non foi tan multitudinaria como lle tería gustado. Si acudiron o alcalde, Jorge Cubela; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López: e os alcaldes da Lama e Campo Lameiro, Jorge Canda e Carlos Costa, quen fixo entrega dunha placa de agradecemento a Protección Civil.
O presidente de Protección Civil, Javier Lois, agradeceu a presenza das autoridades e lembrou aos seus antecesores no cargo, especialmente ao precursor da posta en marcha da agrupación, Gonzalo Barreiro, falecido. Tamén eloxiou o labor de José Luis Crujeiras, a quen lle fixo entrega dunha placa conmemorativa e de recoñecemento do seu traballo.
Cubela salientou a enorme vocación de servizo e de sacrificio a prol dos demais que hai detrás dos voluntarios de Protección Civil e puxo en valor a súa formación en materia de emerxencias e, sobre todo, a súa dispoñibilidade que o alcalde asegura que fan desta agrupación unha das máis operativas da contorna.
Cubela agradeceulles o feito de "ser os primeiros" en auxiliar a calquera persoa nun accidente, nun incendio e levando medicamentos e alimentos a persoas confinadas nos duros meses da pandemia onde, tal e como sostén o Concello, "o sorriso das persoas que recibían a colaboración e a axuda do Concello a través dos voluntarios de Protección Civil eran toda unha recompensa polo traballo realizado".
O alcalde lembrou aos seus antecesores no cargo, como Caramés e Balseiros (tamén presente no acto) por impulsar a creación desta agrupación que naceu en Cerdedo da man de Gonzalo Barreiro e que acadou a súa máxima operatividade con José Luis Crujeiras.
O delegado territorial da Xunta trasladou un afectuoso saúdo do vicepresidente primeira da Xunta, Alfonso Rueda, quen non puido acudir ao evento, e eloxiou o "gran traballo altruísta e profesional" da agrupación, ao tempo que garantiu o "máximo apoio e colaboración" por parte do Goberno galego para que siga atendendo á cidadanía "cos máximos estándares de calidade e eficacia".
Os voluntarios recibiron un agasallo conmemorativo do evento e o agradecemento do público en forma de aplauso.