Ingresan en prisión dous dos doce detidos na última redada antidroga en Pontevedra, Poio e Vigo
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Dúas das doce persoas detidas o pasado mércores no marco dun operativo antidroga conxunto da Policía Nacional e a Garda Civil ingresaron en prisión, mentres que as dez restantes están en liberdade en calidade de investigadas polos delitos contra a saúde pública e integración en grupo criminal. A un deles tamén se lle atribúe o delito de tenza ilícita de armas.
Catro dos detidos xa quedaron en liberdade nos últimos días despois de prestar declaración en sede policial e os oito restantes foron postos a disposición xudicial do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra na mañá deste venres.
Deses oito, seis quedaron en libertade e os outros dous ingresan en prisión.
Os detidos terían certa relación entre eles como parte dunha rede que se dedicaba ao tráfico de drogas polo miúdo en distintos lugares da provincia de Pontevedra.
A operación desenvolveuse de forma simultánea entre Pontevedra, Poio e Vigo liderada pola Policía Xudicial da Garda Civil e a Unidade de Droga e Crime Organizado ( UDYCO) da Policía Nacional, aínda que tamén contou co apoio das policías locais de Pontevedra e Poio e doutras unidades como o Grupo de Prevención da Delincuencia da Policía Nacional en Pontevedra ou unidades de seguridade cidadá da Garda Civil.
O mércores realizáronse unha decena de rexistros e formalizáronse 12 detencións e, desde entón, os detidos estiveron repartidos entre os calabozos da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra e da Comandancia da Garda Civil.
En Pontevedra, desde a tarde do mércores, numerosos familiares dalgúns dos detidos concentráronse nas inmediacións da Comisaría e así permaneceron tamén durante varias horas deste xoves.
A partir das 11.00 horas deste venres, cando levaban ao redor de 48 horas detidos, empezaron a pasar a disposición xudicial nos xulgados da Parda.
O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou o secreto das actuacións e de momento descoñécense máis detalles da operación. Entre os poucos datos que transcenderon figura o número de detidos e que a Garda Civil e a Policía Nacional interviñeron pequenas cantidades de droga e diñeiro en metálico.
Houbo tres detidos en Poio, dous en Campelo e un na Caeira; outros tres en Pontevedra, en Lérez e Campañó: e seis en Vigo.
Relacionadas:
-
Os 'linces', o grupo policial que lle toma o pulso á delincuencia na cidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Desarticulan dous grupos criminais dedicados a vender cocaína e heroína polo miúdo en Pontevedra, Poio e Vigo
Por Natalia Puga |
-
Unha ducia de detidos nun operativo antidroga en Lérez, Poio e Vigo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada