Os 'linces', o grupo policial que lle toma o pulso á delincuencia na cidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O seu é un traballo silencioso. Teñen un pouco de hormiguiÑas que, sen ruído e con traballo moitas veces rudimentario, van sumando vixilancias, informes e detidos. Ao final, logran un coñecemento profundo de como se comporta a delincuencia na cidade que lles serve para o seu propio traballo e para colaborar co dos demais. Internamente, e co fin de facilitar as comunicacións, coñéceselles polo indicativo ‘lince’. Son o GPD, o grupo de prevención da delincuencia da Comisaría Provincial, unha unidade policial que traballa de paisano e sen que moitas veces nin os seus propios compañeiros se decaten.
Desde a súa creación en 2018, este grupo realiza funcións que poderían definirse a medio camiño entre Policía Xudicial e Seguridade Cidadá e que, como o seu propio nome indica, teñen como labor principal previr que os delitos cheguen a producirse. Esta circunstancia fai que, moitas veces, a súa existencia nin sequera chegue a transcender, pero converteuse no grupo da Policía Nacional de Pontevedra que máis detencións realiza. Bastan dous datos para acreditalo. En seis meses realizaron 50 detencións por tráfico de drogas; e entre xaneiro e maio localizaron a 27 persoas con reclamacións pendentes da xustiza.
O seu labor está detrás de intervencións destacadas como, fai tan só uns días, a operación antidroga conxunta da Policía Nacional e a Garda Civil que desarticulou dous grupos criminais dedicados á venda de cocaína e heroína polo miúdo en Poio, Pontevedra e Vigo. Unha información deste grupo sobre a xefa dun dos grupos orixinou o operativo.
Nos últimos tempos foron os artífices da detención de catro persoas que distribuían droga en patinetes por toda Pontevedra previa chamada de encarga ou dunha intervención rechamante que non transcendeu na que localizaron a dúas sospeitosas que lograban tal habilidade nos seus movementos para furtar que, cando as localizaron, en dobres fondos e compartimentos especialmente habilitados na súa roupa, gardaban tantos produtos de supermercado que encherían un carriño da compra, ou un maleteiro.
PontevedraViva quixo coñecer como traballan, compartindo con eles un operativo de vixilancia no que seguiron a pista a unha sospeitosa de múltiples furtos coa mirada posta na prevención da proliferación deste tipo de delitos na zona comercial. Foi un control máis dos que realizan a diario e, a pesar dese obxectivo inicial, non pechou os ollos ao que sucedía ao redor. De feito tamén permitiu outras actuacións como a identificación de dúas persoas que acaban de participar nunha compra venda de haxix na Rúa Nova ou a dun home que furtaba roupa nunha tenda de Benito Corbal.
Cinco dos seis integrantes do equipo recibiron a este xornal nas súas dependencias da Comisaría, acompañados polo responsable deste grupo e do Grupo Operativo de Resposta (GOR), o inspector Jorge Iruela. O sexto estaba xa en situación, preparando unha vixilancia na que, como no 100% das súas actuacións, o anonimato e a discreción resultan cruciais para o éxito da operación.
Durante as catro horas seguintes, por parellas, outros catro policías do equipo realizaron vixilancias en distintas zonas da cidade nas que opera esta muller. Acumula tal historial delituoso que mesmo ten ordes de afastamento do aeroporto de Barajas ou a estación de Atocha, en Madrid.
O operativo completárono, sobre catro rodas, o inspector Iruela e Carlos, responsable do equipo. Moverse en vehículo camuflado permite abarcar unha zona máis ampla de vixilancia, toda a cidade, e non perder detalle do que sucede. Tamén chegar en cuestión de minutos aos puntos nos que os compañeiros localizan a un sospeitoso ou ven calquera situación que poida xerar receo. O instinto é fundamental no seu día a día, confirmando o adecuado do apelativo co que se lles coñece. Para os seis integrantes do GPD, o olfacto e os reflexos resultan tan cruciais para a súa supervivencia como para a dun lince.
Nada máis saír ao seu encontro, na reunión previa á vixilancia, constátase ata que punto estes axentes tómanlle o pulso á evolución da delincuencia na cidade. Nesta ocasión, o obxecto da súa observación responde a que detectaron que nos últimos tempos proliferaron especialmente tres delitos: os furtos de pezas de roupa, bolsos e carteiras; os roubos con forza; e o tráfico de drogas polo miúdo.
"Conocen en profundidad la ciudad y eso es resultado de que le echan horas, de un trabajo casi rudimentario en el que van a pelo. Ellos no tienen el horario que se puede pensar de funcionarios, se adaptan a las necesidades de la calle", describe orgulloso o seu xefe. Nesta ocasión, o operativo desenvólvese nas horas centrais do mediodía porque adoita ser o momento elixido polos amigos do alleo para os furtos na zona comercial, pero tanto realizan intervencións de madrugada como á primeira hora da mañá. Ou en calquera momento do día que o servizo o requira.
O dispositivo, de todos os xeitos, sábese sempre como empeza, pero nunca como acaba, vai adaptándose ao que se van atopando. en ocasións logra o seu obxectivo de prevención e noutras pode ir derivando cara a un tipo de actividade delituosa completamente diferente. Pero o máis importante é que permite tomarlle o pulso ao que está a ocorrer e coñecer en profundidade ás persoas que alteran unha seguridade cidadá que, en xeral, "en Pontevedra es alta".
Tomar o pulso desta forma á delincuencia pontevedresa levoulles o seu tempo; moitos levan na unidade desde a súa creación en 2018 e chegaban xa do 'K de Noite’, o equipo de paisano que traballaba sempre na quenda de noite do que é herdeiro o GPD. Carlos, por exemplo, leva 14 anos realizando tarefas similares. A propia constitución do grupo é xa resultado da adaptación ao tipo de delincuencia que se ve nas rúas de Pontevedra, "la operativa policial se va rediseñando".
Este coñecemento convértelles a miúdo no particular ‘dicionario’ para as consultas de compañeiros doutros equipos, que cando buscan a un sospeitoso en particular danlles referencias para saber se eles poden orientarlles. A práctica totalidade das veces, a consulta dá os seus froitos e contribúen ao éxito do traballo doutros grupos. "Son oro puro". Foi a definición que outros mandos policiais fixeron do GPD a Jorge Iruela cando, meses atrás, púxose á fronte do grupo. "Son una referencia", profundaron, "por lo que hacen y porque se aporta mucho más con la información a otros grupos".
Esa vocación de servizo que testemuñan fai que, en moitas ocasións, esas operacións inicien cando están fóra de servizo. Esta mesma semana, detiveron a un home de 54 anos porque un dos integrantes do grupo viu a un coñecido trapichero que xa ten catro antecedentes por feitos similares. na estación de servizo de Vilagarcía antes de entrar a traballar. Deu aviso ao resto e estableceuse un operativo. Seguiulle en coche mentres o sospeitoso viaxaba en autobús a Pontevedra e, cando se baixou no paseo de Colón, déronlle o alta e descubriron que levaba 96,3 gramos de haxix escondidos entre o pantalón, o calzón e outras pezas de roupa.
Tamén permite achados inesperados como, recentemente, o dun mozo de 26 anos que estaba a ser buscado por catro xulgados diferentes de Pontevedra, Barcelona e Elxe ou doutro que sumaba 14 reclamacións xudiciais, cinco delas para o ingreso inmediato en prisión, pero levaba meses eludindo á policía porque se movía cun DNI falso.
De cada un dos seus operativos sacan coñecemento propio de "lo que se cuece", posibles fíos dos que tirar para futuras intervencións e, sempre, unha nota interna ou informe que adoita converterse en consulta obrigada para outros grupos. Ese é o seu día a día, moitas horas, instinto, improvisación e tirar de background.
Relacionadas:
-
Pillan un experto ladrón que rouba por encargo
Por Oskar Viéitez |
-
Detido o responsable dun punto negro de venda de droga tras unha fuxida en moto por varias rúas de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Os roubos en pisos de Pontevedra empañan un verán "moi tranquilo" na provincia
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local detivo un veciño de Pontevedra por agredir á súa parella
Por Oskar Viéitez |
-
Cae unha rede empresarial con ramificacións en Pontevedra dedicada ao transporte de haxix
Por Oskar Viéitez |
-
Desarticulan dous grupos criminais dedicados a vender cocaína e heroína polo miúdo en Pontevedra, Poio e Vigo
Por Natalia Puga |
-
Ingresan en prisión dous dos doce detidos na última redada antidroga en Pontevedra, Poio e Vigo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Faise pasar por outra persoa coa que garda parecido físico para eludir cinco ordes de ingreso en prisión
Por Redacción |
-
Deteñen catro persoas que distribuían droga en patinetes por toda Pontevedra previa chamada
Por Natalia Puga |