Unha ducia de detidos nun operativo antidroga en Lérez, Poio e Vigo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un operativo conxunto da Policía Nacional e a Garda Civil suma xa este mércores polo menos unha ducia de detidos. A operación desenvolveuse desde primeira hora da mañá en varios puntos das localidades de Pontevedra, Poio e Vigo, segue aberta e contou coa colaboración das policías locais de Pontevedra e Poio.
O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou o secreto das actuacións e de momento descoñécese o número total de detidos. Hai unha ducia confirmados, dos que seis foron detidos pola Policía Nacional e trasladados á Comisaría Provincial de Pontevedra e outros tantos pola Garda Civil e trasladados á Comandancia de Pontevedra.
Todos eles estarían implicados nunha rede que se dedica ao tráfico de drogas, aínda que non transcenderon detalles da súa actividade delituosa. Durante a operación a Garda Civil e a Policía Nacional interviron pequenas cantidades de droga e tamén diñeiro en metálico.
En total, a Garda Civil realizou polo menos seis detencións e realizou catro rexistros, aínda que o número podería ser superior unha vez que finalice a operación. Trátase de dous detidos en Campelo, outro noutro lugar de Poio e tres no municipio de Pontevedra, nas parroquia de Lérez e Campañó.
En Lérez, a detención causou un grande balbordo porque se produciu nun lugar moi transitado, unha vivenda situada á beira do centro de saúde da parroquia pontevedresa de Lérez. Os axentes da Garda Civil realizaron un rexistro na vivenda a primeira hora da mañá e logo encargouse da actuación a Policía Local, que poucos minutos antes das 13.00 horas sacou a detida do domicilio e trasladouna ata a Comandancia da Garda Civil.
Segundo relataron testemuñas presenciais, os axentes tamén sacaron da vivenda unha caixa con diversas probas que será entregada igualmente á Garda Civil. A muller saíu acompañada pola súa avogada e no exterior esperábana varios achegados que querían darlle o seu apoio.
Fontes consultadas por PontevedraViva confirmaron que os axentes dos distintos corpos policiais despregáronse a partir das oito da mañá, momento no que un helicóptero da Garda Civil empezou a sobrevoar Poio e Pontevedra. En concreto, a Policía Local realizou rexistros en Lérez, a Unidade de Droga e Crime Organizado ( UDYCO) da Policía Nacional centrouse no barrio de Teis e en Samil en Vigo e a Garda Civil actuou en distintos puntos de Poio.
En canto a Poio, efectivos de varias unidades da Garda Civil, entre eles, a Policía Xudicial, despregáronse na zona de Campelo, na rúa Pai Avelino, vía peonil próxima á lonxa; e na zona alta da urbanización da Caeira, na rúa Illa de Tambo.