Poio colaborará co Encontro Europeo de Peregrinación Xuvenil
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, mantiveron este mércores unha reunión co delegado do Arzobispado e da Secretaría do Encontro Europeo de Peregrinación Xuvenil, Javier García.
Tratouse dun encontro no que se analizaron as posibilidades de colaboración por parte do Concello de Poio á hora de facilitar instalacións municipais para as pernoctas das persoas que tomen parte neste evento, que terá lugar no verán de 2022. Non hai que esquecer que, por mor da pandemia, o Ano Xacobeo estenderase ata ese ano, e non só exclusivamente durante 2021.
O rexedor nacionalista e a edil de Avante Poio amosaron a súa predisposición á hora de prestar apoio loxístico a esta iniciativa, que prevé atraer a un gran número de peregrinos, chegados de diferentes países de Europa, a Galicia, a través dos diferentes Camiños.
O Concello estudará a posibilidade de ceder durante uns días as instalacións como algúns dos pavillóns polideportivos que existen no municipio, a fin de que os camiñantes poidan durmir e descansar antes de retomar a súa peregrinaxe ata Santiago de Compostela, lugar no que se desenvolverá o Encontro Europeo de Peregrinación Xuvenil.
Tanto Sobral e Díaz como Javier García valoran de xeito positivo a reunión e coincidiron á hora de expresar o seu desexo de que de cara ao ano 2022 "nos atopemos xa nunha situación sanitaria normal, grazas ao avance da vacinación", o que permitiría retomar o fluxo de visitantes que se viu seriamente afectado pola pandemia.
No caso de Poio, cómpre lembrar o municipio forma parte da Variante Espiritual do Camiño Portugués e da Ruta do Pai Sarmiento. Precisamente, a Concellería de Turismo vén de acometer melloras da sinalización desta última, incorporando, ademais, varios paneis de carácter informativo.
O Concello de Poio continuará mantendo o contacto coa Secretaría do Encontro Europeo de Peregrinación Xuvenil, a fin de seguir perfilando a posta a punta das instalacións de cara ás datas de celebración.
Relacionadas:
-
Poio busca coñecer mellor aos peregrinos para seguir ‘no Bo Camiño’
Por Redacción |
-
Xa se pode visitar a mostra 'Fazendo Camiño' sobre o espazo Xacobeo entre o norte de Portugal e Galicia
Por Redacción |
-
Once empresas aspiran a reformar o albergue de peregrinos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cinco anos santos cumprindo a tradición de peregrinar a Santiago
Por Oskar Viéitez |