A Cidade da Cultura leva ao Museo de Pontevedra a exposición 'Galicia, de Nós a nós', unha homenaxe aos inicios do galeguismo
Pontevedra acolle xa no seu Museo Provincial Galicia, de Nós a nós, unha exposición da Cidade da Cultura que pon o foco na historia da revista Nós, que ademais de ser clave na conformación da cultura e a identidade galega contemporánea, ten tamén unha fonda conexión emocional coa cidade. A mostra, organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense xunto á Deputación de Pontevedra, foi inaugurada o pasado outono No Museo Gaiás en Santiago de Compostela –coincidindo co centenario da saída do prelo da revista Nós– e pode agora visitarse ata o 11 de xullo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Con esta exposición o Goberno galego avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía contidos producidos na Cidade da Cultura, impulsando un plan de itinerancias das súas exposicións e traballando para que o Gaiás opere como unha factoría de proxectos culturais que circulen por outros espazos da Comunidade. Galicia de Nós a nós é unha das tres grandes exposicións da Xunta no marco do Xacobeo 2021-2022 que xa foi visitada por 22.000 persoas en Santiago de Compostela e Ourense, ás que se suman outras 7.000 participantes no programa de visitas interactivas e didácticas a través de videoconferencia.
PONTEVEDRA, CIDADE 'NÓS'
A mostra completa agora un programa de itinerancias que a levou primeiro a Ourense, e que chega a Pontevedra pondo de relevo a conexión da cidade con esta publicación, xa que foi precisamente arredor dunha mesa da terraza do café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas plantaron o xerme da súa creación en xuño de 1920. A Castelao, que sería o seu director artístico, débeselle tamén o simbólico título da publicación, o mesmo co que designara os debuxos do seu coñecido álbum.
Organizada pola Xunta e a Deputación de Ourense xunto á Deputación de Pontevedra, pode visitarse ata o 11 de xullo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
O primeiro número da revista saíu do prelo en Ourense e a partir de entón a publicación comezou un devir que esta exposición permite debullar polo miúdo, pasando a editarse na Coruña e tamén en Santiago de Compostela, agás os tres derradeiros números, que se imprimirán en Pontevedra.
UNHA VIAXE AO BERCE DO GALEGUISMO CONTEMPORÁNEO
Comisariada por Ana Acuña e Afonso Vázquez-Monxardín, Galicia, de Nós a nós exhibe un conxunto de máis de 300 obras, cedidas por máis de 60 institucións e prestadores privados, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.
A mostra permite contemplar pezas como o mapa elaborado polo xeógrafo pontevedrés Domingo Fontán, unha obra adiantada ao seu tempo que marcaría a traxectoria vital do tamén xeógrafo Otero Pedrayo; a primeira tese doutoral sobre lingua galega –realizada pola lingüista alemá Margot Sponer, colaboradora da publicación–; a bandeira do Consello de Galicia que foi empregada nas exequias de Castelao; ou o manuscrito do 'Noiturnio do adolescente morto', ditado por Lorca a Ernesto Guerra da Cal e cedido polo poeta andaluz a Eduardo Blanco-Amor para formar parte da edición dos 'Seis poemas galegos', que Nós tirou do prelo. Ademais, Galicia, de Nós a nós reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar en detalle a historia da publicación.
A exposición pode visitarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ata o 11 de xullo, con entrada de balde. As horas de visita son de 10,00 a 21,00 horas de martes a sábado, e de 11,00 a 14,00 horas os domingos e festivos, permanecendo pechada os luns.
Ana Isabel Vázquez, xerente da Cidade da Cultura: "Queremos ser unha factoría de contidos para Galicia"
Ana Isabel Vázquez Reboredo ocupa desde decembro de 2016 o posto de directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, cargo desde o que afronta o reto de converter a institución en vertebradora de contido cultural para toda Galicia. Dentro deste obxectivo, a exposición 'Galicia. De Nós a nós' que acaba de inaugurarse no Museo de Pontevedra tras exhibirse en Santiago e Ourense supón un bo exemplo diso.
Pontevedra pecha a itinerancia desta exposición sobre a Xeración Nós. Supón un reto que contidos impulsados desde a Cidade da Cultura cheguen a toda Galicia?
É un proxecto novo que empezamos agora na Cidade da Cultura, proxectos culturais que alí comezamos con exposicións ou festivais nos que queremos que non só a xente veña á Cidade da Cultura senón ser unha factoría de contidos para Galicia, e empezamos con esta exposición dun grupo tan importante como a Xeración Nós. Non queriamos tela só en Santiago, senón compartila con outras localidades como Ourense ou Pontevedra coa importancia que tiveron para o grupo. Ademais tamén nos coincidiu con restricións e houbo xente que lamentablemente non puido vir.
A pesar diso as cifras de visitantes foron importantes ata o de agora.
Si, aínda así tivemos unha porcentaxe de visitas altísimo. Falamos de máis de 22.000 persoas, de máis de 7.000 escolares que non puideron vir fisicamente a vela porque xa cando empezamos estabamos nun momento de pandemia que se complicaba, os colexios estaban moi pendentes de facer a súa actividade diaria e saír non era a súa prioridade. A partir dese momento ideamos as visitas en liña, conectamos cos centros en lugar de que eles viñesen, decidimos ser nós os que fósemos aos centros. Todos están ben equipados tecnoloxicamente e conectabamos con eles cunha ou dúas aulas e un dos nosos guías directamente na sala explicaba a exposición intercalándoa con vídeos, podendo facer preguntas. Permitiu a moitísimos escolares de Galicia poder participar da exposición e poder vela.
En todo caso trátase dunha mostra 'viva', con matices en cada unha das sedes.
Claro, estas itinerancias potencian que persoas que no seu momento polas restricións non puidesen visitala si poidan achegarse e vela, e logo tamén está o enfoque desde cada punto de vista. En Santiago vimos a exposición máis grande, desde un punto de vista máis xeral, en Ourense déronlle un enfoque máis ourensán e aquí en Pontevedra dáselle o por que Pontevedra era tan importante na Xeración Nós. Doutra banda creo que é positivo en xeral para Galicia estender unha man a entidades culturais e ao sector para ser partícipes e para axudar a diferentes proxectos que logo se poderán ver por todo Galicia.
Foi difícil reunir pezas de tantos propietarios diferentes?
É complicado montar unha exposición con máis de 300 pezas e máis de 60 prestadores públicos e privados, pero tamén á parte da dificultade tiñamos a oportunidade única de poder aglutinar toda esa información que dese unha expectativa xeral de como evolucionou o grupo Nós e como evolucionou a revista. O que che dá é unha visión xeral que axuda moito ás novas xeracións a gozar e a poder coñecer máis un grupo tan importante e a unha serie de personaxes tan importantes como foron Cuevillas, Castelao, como foi Otero Pedrayo ou moitos outros. Cousas tan importantes que fixeron que non quedaron no seu tempo, e o que queriamos demostrar con esta exposición tamén era con ese 'de Nós a nós' todo o que chegou a nós deles, todo o que hai no noso día a día que foi parte deses cimentos que eles deixaron. É moi gratificante o resultado final.
Volveremos ver pronto itinerancias de novos proxectos?
É a idea un pouco. Facer grandes proxectos que se poidan ver en varias localidades, e así ser un motor cultural dalgunha forma, tender a man a outras institucións culturais proporcionando contidos.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra pon en marcha actividades complementarias sobre a exposición 'Galicia, de Nós a nós'
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra abre este luns o prazo para inscribirse nos seus obradoiros de verán
Por Redacción |
-
'Galicia, de Nós a nós' recala no Museo "porque non se entende a Xeración Nós sen esta cidade"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |