'Galicia, de Nós a nós' recala no Museo "porque non se entende a Xeración Nós sen esta cidade"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
O Museo de Pontevedra deu a benvida este venres 21 de maio á que quizais sexa unha das súas mostras máis importante dos últimos anos, a exposición 'Galicia, de Nós a nós'.
A cidade do Lérez "tiña que ser un dos escenarios da mostra porque non se entende a Xeración Nós sen espazos desta cidade como o Café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, sementaron o seu xerme", destacou no acto de inauguración o director do Museo, Xosé Manuel Rey acompañado da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais do vicepresidente provincial, César Mosquera.
En total a exposición recolle máis de 300 pezas que "teñen que servirnos para reivindicarnos, porque o legado da Xeración Nós ten que ser o alicerce para que sigamos reivindicando a nosa cultura e identidade", destacou a presidenta provincial lembrando "ás mulleres que aportaron e colaboraron coa Revista Nós".
'Galicia de Nós a nós' chega a Pontevedra despois de pasar pola Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e tamén por Ourense, cidades as tres asociadas a Nós. Todo iso baixo a organización compartida pola Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense.
Segundo explicou na súa intervención o conselleiro de Cultura trátase de "unha das tres grandes exposicións da Xunta no marco do Xacobeo 21-22 que xa foi visitada por 22.000 persoas en Santiago de Compostela e Ourense, ás que se suman outras 7.000 participantes no programa de visitas interactivas e didácticas a través de videoconferencia". Román Rodríguez destacou á súa vez que "a Xunta avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía galega contidos producidos na Cidade da Cultura".
Pola súa banda o alcalde defendeu que "a actual Pontevedra vangardista e de referencia, a Pontevedra recoñecida e galardoada en foros internacionais, é sucesora desa filosofía de construír Galiza desde si mesma, para desenvolvernos no mundo e aspirar a un futuro mellor".
A exposición está comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Traballo con pezas de 64 institucións e prestadores privados, nunha homenaxe ao comezo do movemento galeguista de principios do século XX que nace co obxectivo reforzar unha personalidade galega actual propia, ilustrada e aberta ás correntes de pensamento mundiais, reivindicando á súa vez a necesidade de contar cunha voz propia.
Nas tres salgas do Museo que ocupa abórdanse diferentes aspecto, como a polisemia de Nós a través do grupo, a súa xeración, a revista ou o álbum, todo iso a través de nomes como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas.
O mapa que inspirou a Otero Pedrayo, o legado de Pondal nunha maleta, a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega, referencias do momento no que a BBC británica emitiu un programa en galego, ou as 134 portadas de Nós reunidas por vez primeira son algúns dos principais puntos de interese da exposición, que poderá visitarse de balde no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ata o próximo 11 de xullo.
Relacionadas:
-
O Álbum Nós, de Castelao: da familia Domínguez Lino ao Museo de Pontevedra, por 650.000 euros
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O xoves inauguran o rótulo co nome do edificio do Museo e a mostra 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921'
Por Redacción |
-
O Museo suma á súa colección permanente unha sección sobre a Guerra Civil e o exilio en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
O Museo de Pontevedra pon en marcha actividades complementarias sobre a exposición 'Galicia, de Nós a nós'
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra abre este luns o prazo para inscribirse nos seus obradoiros de verán
Por Redacción |
-
O Museo invita a visitas guiadas gratuítas os domingos ao mediodía
Por Redacción |
-
A Cidade da Cultura leva ao Museo de Pontevedra a exposición 'Galicia, de Nós a nós', unha homenaxe aos inicios do galeguismo
Por Noticia patrocinada |
-
Chega a Pontevedra 'Galiza, de Nós a nós', a mostra máis completa e ambiciosa realizada sobre esta xeración
Por Redacción |
-
"Non teredes máis obra por aí, non?", pregunta Mosquera á familia Lino despois da compra do Álbum Nós
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
“Perder o Álbum Nós agora mesmo sería completamente impensable e unha perda irreparable para o Museo”
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A familia Lino vende o Album Nós ao Museo por 650.000 euros: "lo importante era ponerlo a disposición de los pontevedreses"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |