A comisión de investigación polas contratacións do Concello, única moción do vindeiro pleno
Por Redacción
A concelleira Carme da Silva informaba este martes dos temas que van levarse ao pleno da corporación previsto para o vindeiro luns 24 de maio. Neste caso, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores non informou, como é habitual, dos temas tratados na xunta de portavoces porque asistía a unha reunión da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias).
A única moción que se tratará nesta sesión plenaria será a presentada polo Partido Popular na que reclaman unha comisión de investigación polas contratacións que realiza o Concello de Pontevedra. Da Silva mostrouse moi crítica con esta moción do PP afirmando que "estamos encantados de que esta moción vaia a pleno porque se vai ver a careta de que cando acusan é falso".
A concelleira relatou os diferentes temas nos que o Partido Popular estaba disposto a investigar e o resultado foi contrario aos seus intereses. Fixo referencia aos contratos polos terreos da Canicouva, que foran avalados co informe de intervención e do técnico municipal responsable do pago da factura. Tamén lembrou que o PP se pronunciara sobre un "pelotazo inmobiliario pola compra de Santa Clara", que tamén quedou demostrado polos técnicos que non existía, indicou a representante do goberno local.
"Queren seguir por este camiño?, que sigan. Non temos ningún problema", afirmou Carme da Silva en relación coas peticións populares sobre investigacións relacionadas tamén coa falta de licenza de primeira ocupación da casa do alcalde de Pontevedra ou co xuízo por acoso laboral contra a concelleira Carmen Fouces, que rematou cunha sentenza firme na que se rexeita a acusación.
Ademais deste tema, na parte resolutiva varios asuntos irán ao próximo pleno. Entre eles atópase a decisión sobre a comparecencia no xulgado ante o recurso contencioso dun cidadán contra o cambio de denominación da avenida de Juan Carlos I polo nome de Virxinia Pereira. A concelleira tamén indicou, con ironía, que o cidadán que presenta o recurso é un dos que catro que se manifestou esta fin de semana contra o cambio de nome da rúa. "O 25% dá manifestación presenta o recurso", afirmou Da Silva.
Tamén se tratarán os recoñecementos extraxudiciais de crédito, que vai este mércores á comisión de Economía. Trátase de 45.000 euros por subministración de materiais de emerxencia e por limpezas extraordinarias derivados da pandemia. A modificación de crédito tamén se levará ao pleno con 14 millóns de euros que se sumarán aos investimentos contemplados no orzamento.
O criterio interpretativo para predio urbano en solo residencial e a modificación puntual dos edificios militares de Campolongo serán os outros dous temas que se traten na próxima sesión da corporación municipal.
Relacionadas:
-
O Colexio de Arquitectos entra na polémica da casa de Lores e lembra que a licenza de primeira ocupación é "obrigatoria"
Por Redacción |
-
Pontevedra aproba, coa abstención do PP, incorporar 15 millóns máis ao orzamento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Non haberá comisión de investigación polos contratos do Concello que o PP tacha de "ilegales"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Fracasa a concentración contra o cambio de nome da avenida Juan Carlos I
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O PP dá por resolto o tema da casa do alcalde: "Lo grave ha sido mentir"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide fiscalizar unha posible adquisición de Santa Clara para evitar un "pelotazo inmobiliario"
Por Redacción |