O Colexio de Arquitectos entra na polémica da casa de Lores e lembra que a licenza de primeira ocupación é "obrigatoria"
Por Redacción
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) fixo público este venres un comunicado en resposta ás últimas informacións publicadas en relación coa polémica pola licenza de primeira ocupación da casa do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que levou ao PP a pedir a súa dimisión por "mentir" á cidadanía asegurando que licenza de primeira ocupación non era necesaria en 1997, cando se construíu a vivenda, cando no expediente urbanístico se recolle que si que o era.
Os arquitectos galegos achegan datos sobre o procedemento para obter a licenza de primeira ocupación nunha vivenda e aseguran que a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de Vivenda de Galicia (no seu artigo 42 sobre Licenza de primeira ocupación) e a Lei 2/2016 do Solo de Galicia (no seu artigo 142 de Licenzas urbanísticas e comunicacións previas) esixen esa licenza.
En definitiva, indican que a licenza de primeira ocupación é un acto administrativo do Concello que acredita que a obra está completamente executada e axústase á licenza de obra outorgada e que o construído reúne as condicións técnicas de seguridade, salubridade e ornato públicos.
Esa licenza acredita tamén que a vivenda cumpre os requisitos esixidos para ser destinada a uso residencial e os arquitectos matizan que "no caso de non ter esta licenza de primeira ocupación, poderíase ordenar a clausura e peche dos usos que se estean levando a cabo sen autorización".
O documento tamén permite que o edificio poida conectarse ao abastecemento de auga potable, electricidade, telecomunicacións e outros servizos comunitarios. Segundo os arquitectos, "no caso de non dispor desta licenza, o concello poderá ordenar o corte do subministro, previa audiencia do interesado".
Ademais, o seu outorgamento é "obrigatorio" e "previo" para que as notarías poidan autorizar e os rexistradores e rexistradoras da propiedade poidan inscribir a vivenda.
Así, as normas especifican que, unha vez concluídas as obras de construción dun edificio ou vivenda, o promotor solicitará a licenza de primeira ocupación ao concello no que radique o inmoble, e acompañará a súa solicitude da certificación final de obra e demais documentación que poida esixir o concello competente.
Segundo informan desde o Colexio de Arquitectos, nas leis tamén se concreta que, sen prexuízo do que estableza o regulamento urbanístico, poderanse outorgar licenzas de primeira ocupación parcial, por edificio ou portal completo, cando a parte da obra obxecto da licenza cumpra os seguintes requisitos: consideración de obra completa e que cumpra todas as esixencias e a normativa técnica aplicable; que sexa susceptible de utilización independente; e que a urbanización interior e exterior da parcela, directamente vinculada á edificación para a que se solicita a licenza, estea completamente finalizada e se garanta o cumprimento das obrigas urbanísticas da parcela que serviu de base para a obtención da licenza de obra.
A Administración, previa visita de comprobación dos servizos técnicos municipais, deberá resolver a solicitude e notificala á persoa interesada no prazo máximo de dous meses, a contar desde a data na que a solicitude tivo entrada no rexistro xeral do concello.
Relacionadas:
-
Tres proxectos de Pontevedra, finalistas aos premios dos arquitectos galegos
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez esixe a dimisión de Lores por "mentir descaradamente" sobre a súa casa
Por Alejandro Espiño |
-
A comisión de investigación polas contratacións do Concello, única moción do vindeiro pleno
Por Redacción |
-
O PP dá por resolto o tema da casa do alcalde: "Lo grave ha sido mentir"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, sobre as licenzas da súa casa: "Non hai ilegalidade nin irregularidade algunha"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ten 575 vivendas como a do alcalde, sen licenza de primeira ocupación
Por Alejandro Espiño |
-
Tormenta política pola casa do alcalde, sen licenza de primeira ocupación durante dúas décadas
Por Alejandro Espiño |