Caen os casos activos por covid-19 ata 458 e os hospitalizados baixan a 29
Por Alejandro Espiño
A tendencia á baixa na incidencia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra mantense. Os casos activos baixaron ata os 458. Son doce menos que onte. Tamén cae o número de pacientes hospitalizados, segundo o balance do Servizo Galego de Saúde.
Hai 29 persoas ingresadas nos tres hospitais da área sanitaria con coronavirus. A maior parte deles (13) están en planta, en Montecelo. Outros sete están a ser atendidos no Hospital do Salnés e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
Pola súa banda, hai nove pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son os mesmos que rexistraba o último balance de Sanidade.
O resto dos que contraeron o virus, outras 429 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Os novos contaxios, nas últimas 24 horas, situáronse en 29.
Desde o inicio da pandemia 13.385 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 41 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 175 falecementos asociados ao virus. A última, unha muller de 102 anos que estaba ingresada no Hospital do Salnés.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 227.144, 1.078 nas últimas horas. Delas, 29 deron positivo (2,69%). A estas probas súmanse as 114.076 seroloxías realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.865, 68 menos que o día anterior. Deles 642 son da área da Coruña, 182 da de Lugo, 211 da de Ourense, 458 da de Pontevedra, 854 da área de Vigo, 433 da de Santiago e 85 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 38 están en UCI, 134 en unidades de hospitalización e 2.673 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 119.465 persoas curadas, rexistrándose 2.401 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.161.664 probas PCR, 6.530 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 168 novos infectados.
Relacionadas:
-
Dous pacientes máis no hospital e 10 novos positivos nunha xornada con 1.001 PCR's
Por Natalia Puga |
-
A área sanitaria ten 452 casos activos por covid-19, 27 deles pacientes hospitalizados
Por Alejandro Espiño |
-
Unha muller de 102 años, vítima 175 da pandemia na área sanitaria, falece no Hospital do Salnés
Por Alejandro Espiño |
-
A área sanitaria mantense nunha fase de estabilidade con 14 novos positivos e dous hospitalizados menos
Por Natalia Puga | Creada e actualizada