A vacina monodose de Janssen tamén se inxectará a menores de 60 anos
Por Redacción
O Ministerio de Sanidade, de acordo coas comunidades autónomas, decidiu abrir a vacina monodose de Janssen, que ata o de agora se utilizaba só con maiores de 60 anos, ás persoas menores desa idade, segundo se soubo este martes.
Os primeiros en recibir o soro desta farmacéutica serán as persoas que teñan entre 50 e 59 anos e aqueles que, sendo maiores de 18 anos, pertenzan a colectivos vulnerables nos que sexa máis complicado cumprir o ciclo completo de inmunización con outras vacinas.
Entre estes últimos, segundo Sanidade, estarían entre outras persoas con discapacidade, autismo ou enfermidades mentais severas.
Con respecto á área sanitaria de Pontevedra, a campaña de vacinación masiva continuará este mércores, pero unicamente entre os que teñan 70 e 79 anos, que serán inmunizados coa vacina de Pfizer.
Así, 4.011 persoas están convocadas para vacinarse, xa coa segunda dose que lles faltaba, no Recinto Feiral de Pontevedra, mentres que outras 845 farano en Fexdega, en Vilagarcía.
O xoves, segundo informou o coordinador de vacinación da área sanitaria de Pontevedra, Juan Alberto Vázquez, recibirán a primeira dose de Pfizer persoas menores de 60 anos.