Condenada a dous anos de prisión tras recoñecer que provocou sete incendios forestais en Ponte Sampaio en 2016
Por Redacción
A veciña da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio María del Pilar C.R. recoñeceu este martes que en 2016 provocou sete incendios forestais nos montes da súa propia parroquia e aceptou cumprir unha pena de dous anos de prisión, aínda que, ao tratase da súa primeira condena e non superar os dous anos, non chegará a estar privada de liberdade.
Esta pontevedresa sentou no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e evitou a celebración do xuízo ao alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía. Inicialmente, pedían que fose condenada a catro anos de prisión, pero reduciuse á metade ao aplicarlle a circunstancia atenuante de reparación do dano.
Antes da celebración do xuízo, consignou na conta do xulgado 14.658,30 euros, 100 euros máis da indemnización que lle pedían, de modo que se considera que saldou a súa débeda por esa vía e aplícase unha atenuante.
O maxistrado do Penal 1, Juan José Trashorras, decidiu xa ditar sentenza oral na propia sala do xulgado e, coa súa conformidade, xa quedou condenada como autora dun delito continuado de incendio forestal. Ademais de dous anos de prisión e 14.558,30 euros de indemnización, deberá pagar unha multa de 900 euros (10 meses a razón de tres euros diarios). Dado que xa ingresou 100 euros máis pola indemnización, ten pendente de pago 800 e, a pedimento da súa avogada, abonaraos a razón de 100 euros diarios.
A fiscal do caso mostrouse partidaria de que a pena de ingreso en prisión quede suspendida e, á hora de ditar a sentenza, o xuíz acordouno desta forma, de modo que finalmente non terá que ir ao cárcere. Esta suspensión queda condicionada a que non cometa ningún delito durante tres anos.
Na acusación inicial da Fiscalía pedíase que indemnizase á Xunta polos gastos de extinción dos incendios -os 14.558,40 euros xa pagos- e tamén a unha propietaria afectada por un incendio o 30 de agosto. Esta veciña acudiu este martes ao xulgado e foi a única, ademais da acusada, en entrar na sala de vistas. Fíxoo para indicar que renuncia a calquera indemnización.
Os incendios dos que María del Pilar C.R. se recoñeceu autora producíronse entre o 9 de agosto e o 6 outubro de 2016, nunha onda de lumes que mantivo en albas por centos de veciños aquel ano. Aínda que foi detida pola Policía Autonómica como presunta autora de 16 incendios, finalmente tan só foi xulgada e condenada por sete deles.
O escrito de acusación co que se conformou a incendiaria sostén que actuou "movida pola intención de causar un menoscabo na vexetación das parroquias de Vilar, Acevedo e Rañadoiro" e, entre agosto e outubro de 2016 "dedicouse a prender lume en varias ocasións en distintas leiras con vexetación forestal". Para iso, desprazábase no seu coche, un Citroën ZX, por estradas e pistas forestais e, cando ninguén a observaba, aplicaba unha chama a varias pastillas de acendido con parafina, das utilizadas para acender grelladas, que logo lanzaba sobre as matogueiras.
Relacionadas:
-
Esclarecen un lume forestal provocado por unha cabicha mal apagada no monte na Lama
Por Redacción |
-
Unha pontevedresa enfróntase a 4 anos de prisión como sospeitosa da onda de incendios de 2016 en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
A detida polos incendios de Ponte Sampaio en 2016 pide que se analice o seu estado mental
Por Natalia Puga |
-
Deteñen unha muller como presunta autora de 16 incendios forestais no municipio de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Controlado un incendio forestal en Ponte Sampaio preto de casas
Por Redacción |