A boa calidade da auga da praia fluvial de Monte Porreiro volve situala no censo de zonas de baño de Galicia
Por Redacción
A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade remitiu un oficio ao Concello de Pontevedra no que anuncia a inclusión da praia fluvial de Monte Porreiro no censo oficial de zonas de baño de Galicia. Segundo constata o departamento autonómico, "tras un período de avaliación da zona de baño por parte da Consellería", obtívose, como acontecera en 2020, "a clasificación provisional de boa".
No oficio asinado pola xefa territorial de Sanidade, Natalia Botana, lémbrase que a inclusión da praia fluvial do Lérez no censo autonómico "supón que se fará vixilancia sanitaria dela e que se recomende que estea exposto un cartel indicando a clasificación provisional sanitaria".
Para o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, "este anuncio supón un espaldarazo ao traballo que iniciamos o pasado verán para converter esta praia, situada nun privilexiado contorno natural en plena cidade, nun espazo coa etiqueta de excelencia".
Iván Puentes agarda que a situación sanitaria xerada pola pandemia "mellore substancialmente" coa chegada do período estival, de xeito "que o servizo de socorrismo poida comezar a funcionar con normalidade dende finais de xuño ata o mes de setembro e os pontevedreses desfruten en condicións óptimas dun areal excelente".
A Concellería de Desenvolvemento Sostible ten previsto poñer en marcha antes do verán un novo aporte de area e un zafarrancho de limpeza profunda.
O edil socialista lembra que, entre outras novidades orientadas a mellorar as ‘calificacións’ do areal pontevedrés, o Concello declarouno o ano pasado "praia libre de fume", tal e como se pon de manifesto na cartelería instalada.
O concelleiro apunta que este espazo "é cada vez máis empregado por familias con nenos", polo que fai fincapé na necesidade de manter un comportamento cívico e un ambiente agradable, "evitando escoitar música ou radio a un volume inaxeitado e empregando as papeleiras para os refugallos". "Non é un lugar para celebrar festas, senón unha zona para relaxarse, tomar o sol, desfrutar do son da natureza e, por suposto, mergullarse nas augas do Lérez", sinala Puentes.