O Concello acomete a renovación do parque da rúa Irlanda

Por Redacción

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes acaba de poñer en marcha o proxecto de renovación integral e mellora paisaxística do parque municipal situado na rúa Irlanda, que conta cun investimento de 27.744 euros e que permitirá potencialo como lugar de encontro, socialización comunitaria e realización de actividades lúdicas e deportivas.
Segundo explica o edil do PSOE, a intervención contempla "a creación de sendas, a renovación de mobiliario urbano e o axardinamento dunha ampla zona verde situada entre as rúas Reino Unido, Alemaña, Irlanda e Luxemburgo".
Entre os obxectivos do proxecto inclúese o de optimizar a comunicación do parque co contorno, facilitando a accesibilidade coa xeración de camiños de acceso desde as rúas Alemaña e Luxemburgo e mellorando a capacidade de acollida e o confort deste espazo coa dotación de zonas de estancia e lecer. Tamén se van garantir as máximas condicións de seguridade nas zonas de noiro mediante a restauración e construción de novos treitos de valado protector de madeira.
Ademais, tal e como apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, "incrementarase o valor paisaxístico do parque cunha mellor composición a nivel de xardinería e a instalación dun sistema de rega que facilitará a conservación e o mantemento dos valores estéticos propios dun parque moderno; e enriquecerase a rede de zonas verdes da cidade cunha remodelada zona de mirador".
Os traballos de mellora da vexetación iniciados nestes días terán continuidade coa creación das sendas, as obras de mellora da accesibilidade, a renovación do mobiliario e a construción dos valados de madeira.
RESTAURACIÓN DO PARQUE DE OS AREÁS
As concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Deportes tamén iniciaron nestes días os traballos de restauración do parque de petanca de Os Areás cun zafarrancho de limpeza e desbroce que tamén chegou ao contorno do Mirador e que executaron as brigadas municipais de Parques e Xardíns.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, avanzou que esta nova intervención "completarase nas vindeiras semanas co arranxo de tódolos elementos de madeira da pista de xogo, a rexeneración dos pavimentos de xabre e o axardinamento deste contorno".
Relacionadas:
-
A rúa Alemaña será peonil e terá unha gran praza central do tamaño da Ferrería
Por Alejandro Espiño |
-
A boa calidade da auga da praia fluvial de Monte Porreiro volve situala no censo de zonas de baño de Galicia
Por Redacción |
-
A reforma integral do parque da Praza de Europa continúa coa mellora do pavimento
Por Redacción |
-
Nova vida ao parque infantil de 8 de Marzo: reabre un mes despois restaurado e máis seguro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |