O Supremo confirma a condena á ' narcoabogada' Tania Varela por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico
Por Natalia Puga
O Tribunal Supremo acaba de confirmar a condena que a Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo no ano 2019 á ' narcoabogada' cambadesa Tania Varela e mantén que debe cumprir 1 ano e 8 meses de prisión e o pago dunha multa de 56.000 euros por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.
Esta condena foi o resultado do primeiro paso por un tribunal galego de Varela, que chegou a ser a única española na lista dos fugitivos máis buscados pola Europol. Con todo, xa tiña outras condenas previas polas que se atopa en prisión. A Audiencia Nacional primeiro e o Tribunal Supremo despois impuxéronlle unha pena de sete anos de prisión e multa de 318.080.058 euros por un alixo de dúas toneladas de cocaína no que foi condenada xunto a David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña.
Tras a sentenza da Audiencia de Pontevedra, a avogada cambadesa recorreu e agora a Sala II do Tribunal Supremo desestima o recurso e confirma integramente a sentenza pontevedresa, que inclúe o comiso do diñeiro utilizado para a comisión do delito e a súa adxudicación ao Estado a través do Fondo do Plan Nacional contra a droga.
Nesta condena, Varela viuse beneficiada dunha redución da pena de prisión porque se lle aplicou ao caso a circunstancia atenuante moi cualificada de dilacións indebidas.
Varela recorreu alegando que non realizara ningún investimento con diñeiro procedente do narcotráfico, en contra do relato de feitos probados da sentenza, pero o Supremo rexeita o seu argumento porque "a narración histórica reflicte os requisitos que xustifican a condena por delito de branqueo de capitais". Así, confirma que houbo unha actividade delituosa previa idónea para xerar ganancias ou bens; as operacións realizadas con eses bens coa finalidade de ocultar a súa orixe e afloralos no mercado lícito; e que o delito previo consistiu no tráfico de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.
A sentenza agora confirmada destaca que Tania Varela foi condenada en 2011 pola Audiencia Nacional como autora dun delito contra a saúde pública de substancias que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia e que se enriqueceu co produto da venda de substancias estupefacientes e levou a cabo durante os anos 2005 e 2006 operacións coa finalidade de dar entrada no tráfico mercantil lícito ao diñeiro ilícito procedente do narcotráfico.
Ademais, Varela reclamaba a nulidade da intervención do seu teléfono porque era a liña telefónica que utilizaba para o exercicio profesional como avogada, o que vulneraría o principio de inviolabilidade das comunicacións entre avogados e clientes. A sentenza explica que a incoación de dilixencias previas por un presunto delito de branqueo de capitais "é o resultado dun conxunto de actuacións investigativas ademais da intervención telefónica", concretamente do resultado da intervención doutros teléfonos, dos seguimentos policiais, dos testemuños recolleitos polos axentes e dos rexistros domiciliarios que se efectuaron.
Así mesmo, indica que o recurso non reflicte que froito da intervención telefónica se recollese ningunha conversación relacionada coa actividade letrada da acusada e cuxa intervención puidese quebrantar a confidencialidade na relación avogado-cliente, e menos aínda que tales conversacións fosen utilizadas como proba de cargo para a condena que se impugna.
"É máis, da intervención do teléfono da recorrente non se extraeu ningún elemento probatorio que funde a súa condena como autora dun delito de branqueo de capitais", engaden os maxistrados do Supremo.
Relacionadas:
-
Tania Varela, condenada por branqueo de capitais a un ano e oito meses de prisión
Por Natalia Puga |
-
Tania Varela pide ao tribunal que a xulga por branqueo de capitais "una sentencia justa" e que se declare a súa inocencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tania Varela, a 'narcoabogada' que sinte "rechazo" polo narcotráfico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |