Cuntis informa nun bando da obrigación de limpar as leiras
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, ven de editar un bando no que lembra ás persoas propietarias tanto de parcelas no rural como de solares en centros urbanos da obrigación de mantelos limpos antes de que finalice o mes de maio.
Así o recolle a Lei de Prevención e Defensa contra incendios forestais de Galicia. No citado bando apélase á colaboración da veciñanza e lémbrase, ademais, que o incumprimento da normativa pode carrexar sancións.
Segundo a lexislación vixente, as persoas responsables da xestión da biomasa son os propietarios ou usufructuarios dos terreos, que son os que se benefician desa xestión.
En segunda instancia, a responsabilidade corresponde aos concellos. A Xunta, para axudar aos municipios, subscribiu un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coa empresa pública Seaga para a protección das aldeas.
A partir deste ano a Policía realizará informes para abrir os correspondentes expedientes sancionadores nos casos de manifesto incumprimento.
O alcalde de Cuntis lembra que "o valor que o monte desempeña vén sendo ameazado pola propagación de incencios forestais afectando á súa riqueza ambiental e paisaxística e ás actividades agroforestais que nel se desenvolven, poñendo en risco a integridade das persoas ".
A Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia ten contempladas as medidas preventivas que facilitan a loita contra o lume así como estratexias de extinción. As medidas medidas a tomar son: respetar as distancias das plantacións, evitar o abandono do monte e controlar o crecemento da biomasa nas parcelas.
Xunto con este bando achégase esquema de distancias entre plantacións de eucaliptos, piñeiros e acacias así como de especies frondosas caducifolias, (ameneiro, bidueiro, castiñeiro, carballo, loureiro, entre outros).